As listaxes de espera para a tramitación da dependencia chegan na Galiza até os 349 días

A secretaria de Estado de Dereitos Sociais, Rosa Martínez. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
A Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia converteu esta necesidade social nun dereito. Con todo, as longas listaxes de espera na tramitación dos expedientes fan que moitas persoas morran sen recibir a atención que necesitan. Neste sentido, Galiza fica entre as autonomías con peor axilidade nos expedientes.

Galiza fica entres as autonomías do Estado español que rexistra un maior tempo de tramitación nas listaxes de espera da dependencia. Máis en concreto, de media, son 349 días os que pasan desde que se solicita até que se resolve.

Deste modo, o tempo medio de xestión situábase en setembro en 349 días, un dato que supón unha "lixeira suba" respecto a xuño (342 días). Con todo, esta cifra supón unha redución de 57 días respecto ao pico alcanzado no ano 2021.

Ademais, Galiza fica lonxe das autonomías con mellor desempeño neste indicador, como son Castela e León (113), Euskadi (130) e Aragón (152). Por outra parte, ao contrario que a práctica totalidade das comunidades, no caso galego non se logrou reducir o tempo medio de tramitación con respecto ao do mes de xuño.

Neste sentido, o tempo medio de espera para a tramitación da dependencia na Galiza tan só é máis curto que o que padecen as usuarias e os usuarios nos casos de Murcia (553), Andalucía (559) e Canarias (478).

Por outra parte, un total de 1.133 galegos e galegas levan máis de seis meses, sen ter recibido un motivo de exclusión, agardando por coñecer a resolución do grao de dependencia ou do Programa Individual de Atención (PIA) que lles corresponde pola súa solicitude.

Así se extrae dos datos achegados esta terza feira pola secretaria de Estado de Dereitos Sociais, Rosa Martínez, quen presentou o Panel do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD). A representante do Ministerio de Dereitos Sociais atribuíu a "lixeira" suba a nivel estatal do tempo medio de tramitación, a un "funil" na valoración de grao, "competencia das comunidades autónomas".

"Desde que unha persoa fai a solicitude até que ten a resolución de grao aí é onde se produce o maior incremento de días. Con todo, unha vez que ten a resolución de grao, o tempo no que recibe a prestación mellorou moitísimo. O que intuímos é que o colo de botella, onde se está producindo ese alongamento, é precisamente na valoración de solicitudes porque cada vez hai máis", explicou a secretaria de Estado.

Martínez incidiu en que "a valoración é competencia das comunidades autónomas", e afirmou entender "que todas son conscientes do problema". Non obstante, remarcou as diferenzas entre unhas e outras.

Axudas para a adquisición de lentes para as crianzas

O Consello de Ministros e Ministras aprobou, a proposta do Ministerio de Sanidade, o Real Decreto que regula a concesión directa de axudas para a adquisición de lentes, lentes graduadas e lentes de contacto destinadas a menores de até 16 anos, anunciado o pasado mes de maio polo presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a ministra de Sanidade, Mónica García, cunha subvención que ascende a un máximo de 100 euros por beneficiaria.

"Trátase dunha medida universal porque cremos que ver ben non pode depender do peto de cada familia, como tampouco o fai para o acceso a unha vacina, ao tratamento nun hospital, calquera tratamento aos que teñen acceso todos os cidadáns", manifestou a titular da carteira de Sanidade durante a rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros e Ministras que tivo lugar esta terza feira.