As listas de espera sanitaria suman máis de 362.000 persoas en toda Galiza

As listas de espera no sistema sanitario galego non deixan de incrementarse desde 2018. (Foto: Nós Diario)
As cifras oficiais confirman a situación de colapso sanitario denunciado polos colectivos en defensa da sanidade. Un total de 362.016 persoas agardan por unha cita hospitalaria dentro dunhas listas de espera que non deixan de medrar desde 2014. A maiores, atópanse as incorporadas ás listas non estruturais.

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) vén de facer públicos os primeiros datos das listas de agarda sanitaria de 2022. As cifras, referidas ao primeiro semestre deste ano, reflicten un importante incremento das persoas incluídas nas mesmas, superando en 17.780 as rexistradas en decembro de 2021.

Así, 362.016 galegas e galegos agardan por unha cita hospitalaria na Galiza. 43.770 persoas esperan unha media de 78,2 días por unha cirurxía, 193.622 esperan unha media de 54,8 días por unha consulta hospitalaria e 119.923 esperan por unha proba diagnóstica. Os tempos de agarda e o alcance das listas de espera presentan diferenzas en función das diferentes áreas sanitarias galegas.

Os tempos de espera en cirurxía son os segundos peores de toda a serie histórica, comezada en 2014, incrementándose a lista de agarda, entre decembro de 2021 e xuño de 2022, en 3.376 persoas. Así, o Sergas recoñece un tempo medio de espera de 56,8 días na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, de 77,6 na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco, de 84,6 na área sanitaria de Ferrol, de 81 na área sanitaria da Coruña-Cee, de 75,5 na área sanitaria de Vigo, de 59,1 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e de 83,4 na área sanitaria de Compostela-O Barbanza.

Os datos non son mellores na esfera das consultas hospitalarias. Neste sentido, o Sergas fixa un tempo medio de agarda de 81,8 días na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, de 72,7 na área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco, de 53,2 na área sanitaria de Ferrol, de 42,5 na área sanitaria da Coruña-Cee, de 38,5 na área sanitaria de Vigo, de 44 na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e de 44,1 na área sanitaria de Compostela-O Barbanza.

Os tempos de agarda para unha proba diagnóstica téñense incrementado de maneira moi considerábel no último semestre, seguindo unha tendencia que arranca de 2018. Por exemplo, o período medio de espera para 9.247 persoas pendentes dunha endoscopia está en 134 días para o conxunto do servizo galego de saúde, chegando nalgunhas áreas sanitarias, como Lugo-A Mariña-Monforte, a 226 días.

As probas radiolóxicas rexistran uns tempos medios de espera para a Galiza de 81,5. Porén, o período medio de agarda para unha ecografía de mama é de 246 días na área sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte. Outro tanto acontece, co tempo de agarda dos estudos, alcanzando no caso das alerxias 137,7 días.

As listas de espera publicadas polas autoridades sanitarias recollen só unha parte dos doentes que agardan por unha cita en Atención Especializada. Neste sentido, o voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, en conversa con Nós Diario, sinala que “seguen maquillando as listas de agarda ao non publicarse os doentes que se acumulan nas listas non estruturais” e denuncia “o seu importante incremento nos últimos tempos”.

As denominadas listas de agarda non estruturais incorporan un número indeterminado de persoas. A este respecto, a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, tense manifestado de maneira crítica no seu informe de 2020, sinalando que "os doentes -ao rexeitar seren atendidos nun centro privado- pasaban a formar parte dunha lista de espera diferente, coñecida como 'lista de espera non estrutural' na que non resultaba de aplicación o tempo de espera máximo estipulado legalmente para a realización da devandita cirurxía".

As listas reais

Martín apunta que “o número real de persoas en lista de agarda pode ser de entre 30% e 60% superior ao recollido nos datos oficiais da Xunta” e lembra un estudo elaborado polo seu colectivo en 2019 que situaba en "17.000 ou 18.000 as persoas nesta situación na área sanitaria de Vigo".

“A realidade das listas”, continúa Martín, “coñéceas ben a poboación, que debe agardar meses antes de ser intervida". "A media de tempo dun doente desde que acode á Atención Primaria por un problema achégase a 200 días, dado que hai que sumar o tempo da primeira consulta en Atención Especializada, das probas diagnósticas e da agarda para cirurxía", conclúe.

As cifras desmenten o conselleiro

As listas de agarda son o principal motivo de queixa dos doentes co sistema sanitario galego. O tempo de espera converteuse nun dos principais argumentos para pór en cuestión a súa eficacia. Os datos ofrecidos polo Sergas desmontan o relato do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.