A lista de agarda para unha cita de saúde mental no Sergas alcanza as 11.108 persoas

Pacientes en lista de agarda de saúde mental nas set áreas sanitarias galegas. (Fonte: Sergas/Deseño: Nós Diario)

O colectivo Os Ninguéns concentrouse onte en Vigo para demandar "máis recursos" para a atención da saúde mental nesta área sanitaria, que mostra os peores datos de listas de agarda e tempos de espera do país. No conxunto da Galiza aumentaron en 2.020, nun só ano, as persoas pendentes dunha cita.

As listas de agarda en saúde mental incrementáronse no sistema sanitario galego, só no último ano, en 2.020 persoas. Se á volta de xuño de 2024, último mes con datos, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) certificaba que 11.108 galegos e galegas ficaban á espera dunha primeira cita de saúde mental nas sete áreas sanitarias do país, un ano atrás eran 9.085, o que implica unha repunta de 2.020 en tan só 12 meses. Neste período, as persoas con doenzas relacionadas coa saúde mental á espera de atención sanitaria creceron até 22,2%, o que representa a maior alza de todo o ciclo histórico.

Nunca antes tantos galegos e galegas fixeran parte das listas de agarda de saúde mental da rede sanitaria pública. Atópanse nesta situación 1.424 persoas na área sanitaria da Coruña e Cee; 1.392 na de Compostela e O Barbanza; 602 na de Ferrol; 2.919 na  de Lugo, A Mariña e Monforte; 1.314 na de Ourense, Verín e O Barco; 210 na de Pontevedra e O Salnés e 3.247 na de Vigo. Precisamente esta demarcación, un ano máis, volve rexistrar os peores datos de todo país e marca unha alza de 475 persoas neste período.

A voceira do Movemento Galego de Saúde Mental e psicóloga clínica do Sergas Rosa Cerqueiro advirte a Nós Diario de que “as listas de agarda en saúde mental volven rexistrar un máximo histórico, incrementándose en máis de 2000 persoas en só un ano”. Nesta orientación, destaca “as grandes desigualdades entre unhas áreas sanitarias e outras", así como "a falta de transparencia do Sergas á hora de ofrecer os datos”.  Asemade, augura que “as cifras van ser máis elevadas ao final do ano, porque sempre son peores os números que se corresponden co mes de decembro que os de xuño”.

Os tempos de espera para conseguir unha primeira cita en saúde mental tamén empeoraron. No conxunto da Galiza subiron en 16,8 días, pasando de 42,5 de media en xuño de 2023 a 59,3 días un ano máis tarde, rexistrando ademais diferenzas moi notorias en función da área sanitaria. A este respecto, Cerqueiro lamenta que “a Xunta da Galiza non teña feito ningún estudo nos últimos anos para determinar as causas deste incremento nos tempos de agarda e as razóns das diferenzas entre as distintas áreas sanitarias”.

O elevado tempo de agarda

As últimas cifras fornecidas polas autoridades sanitarias galegas son claras. O tempo de espera para unha primeira consulta na especialidade de saúde mental é de 30,3 días na área sanitaria da Coruña, de 41,3 días na de Compostela, de 57,1 días na de Ferrol, de 92,4 días  na de Lugo, de 61,3 días na de Ourense, de 21,5 días na de Pontevedra e de 111,6 días na de Vigo. Os elevados tempos de espera nesta última demarcación dispararon a demanda de psicólogos e psiquiatras privados.

Os tempos de espera para conseguir unha cita en saúde mental van camiño de cronificarse”, denuncia Rosa Cerqueiro, quen incide en que “o incremento de profesionais rexistrados nos últimos anos non abonda cando se enfrontan tantos problemas de pobreza, de desigualdade de xénero ou de desigualdade económica, o que obriga a pensar que o modelo non resulta axeitado”. A psicóloga destaca que “os problemas de saúde mental non xorden na primeira fase, cando aparecen os diferentes picos de malestar social, senón nunha segunda fase”.

Os problemas de saúde mental non se poder ver como problemas individuais, senón que detrás deles hai condicionantes sociais”, continúa Cerqueiro, quen asevera que “o modelo que non funciona é aquel que individualiza e considera que poden ser resoltos a través da medicalización", algo que, ao seu ver, "leva a quen non chegue co número de profesionais, cuxa cifra segue a ser moi reducida para as necesidades da poboación [galega]”. Nesta liña, avanza que ás persoas lles afecta "o modo de vivir e mesmo onde viven, pois a atención é diferente en función do lugar de residencia”.

Cerqueiro alerta dos problemas para a poboación duns tempos de espera tan elevados, pois "prolongan o sufrimento e as dificultades das persoas que requiren atención, dificultan as solucións dos problemas que precisan axuda e aumentan moito os tratamentos farmacolóxicos, até o punto de que os fármacos rematan por converterse en crónicos”.

Os tempos de espera entre consultas na Galiza superan todos os estándares recomendados por profesionais do sector. As fontes do Sergas consultadas por Nós Diario apuntan a un período de agarda de entre seis e noves meses para persoas adultas e de entre dous e seis meses para as crianzas.

Ademais, os elevados períodos de agarda entre consultas comprometen a eficacia da terapia. "Os tratamentos funcionan cando as sesións son cada quince días ou cada mes, mais perden eficacia cando son entre tres ou seis meses”, lamenta Rosa Cerqueiro. Para funcionar, "un tratamento debe ser eficaz no tempo e na forma", e cando as visitas das persoas doentes se producen cada dous ou tres meses, "isto non resulta posíbel”, sentencia.

O Sergas só ten 141 especialistas en Psicoloxía Clínica

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) dispón na actualidade de 141 especialistas en Psicoloxía Clínica, o que representa unha ratio de 5,2 profesionais por cada 100.000 habitantes. Segundo os datos ofrecidos para o mes de outubro, a área sanitaria da Coruña conta con 23 especialistas (4,2 por cada 100.000 residentes); a de Compostela, con 27 especialistas (ratio de 5,9); Ferrol, con 13 especialistas (7,1); Lugo, con 20 (6,0); Ourense, con 17 (5,5); Pontevedra, con 12 (3,9), e Vigo, con 29 especialistas (5,3 por cada 100.000 residentes).

Mobilización en Vigo

A falta de profesionais é unha das principais denuncias do colectivo Os Ninguéns de Vigo, que onte se mobilizou en Vigo para reclamar máis medios para atender a saúde mental baixo o lema 'Menos discursos e máis recursos'. Unha das activistas da entidade, Carla Leiras, sinala a Nós Diario que esta concentración, que puña tamén o foco na pobreza, tiña por obxectivo exixir un "incremento do número de profesionais, porque as persoas en situación de empobrecemento non poden acudir a consultas privadas, o que xera unha cronificación das doenzas de saúde mental nas persoas con escasos ingresos”.