De castros e conventos a torres ou pontes: a lista vermella do patrimonio galego continúa alargándose

Torre de Taboi (Outeiro de Rei)

Ducias de bens precisan unha intervención urxente para evitar a súa destrución ou desaparición.

Os bens que integran as listas vermellas elaboradas por asociacións e colectivos de defensa do patrimonio de Galiza continúan a aumentar. Son listaxes nas que se inclúen aqueles bens e elementos do patrimonio que estean en grave risco de degradación, deterioro ou desaparición. Unha 'comisión científica' integrada por especialistas na materia é quen elabora esta lista en base a criterios como a importancia histórica e arquitectónica do ben ou o estado no que se encontra. Hai dúas listas que destacan a de Patrimonio Galego (que supera os 10.000 bens catalogados) e o de ‘Hispania Nostra’.

 

'Hispania Nostra' naceu hai 40 anos para defender e poñer en valor o patrimonio do Estado español desde a sociedade civil. En 2007 impulsou a coñecida como 'Lista vermella do patrimonio. En 2014 integraban esa listaxe 12 bens galegos, un número que aumentaba a 18 a mediados de 2016 e que a comezos de 2017 estaba na vintena, cifra que se mantén en 2018. A Torre de Taboi, en Outeiro de Rei, a Torre Fortaleza de Sarria ou o sanatorio de Cesuras (estilo modernista) son algúns dos elementos sobre os que HN advirte do risco no que se atopan.

 

Mais da lista tamén saíron algún bens grazas aos plans de recuperación, como os murais de San Xulián de Moraime (Muxía) ou  o Forno dos Mouros (Dolmen de Moruxosa). E entraron outros, como a Panificadora de Vigo ou Ferrol Vello.

 

Protección

 

Máis completa e traballada é aínda a lista vermella (definición empregada a nivel internacional para se referir a aqueles en estado de abandono ou risco)  que fai Patrimonio Galego, que leva catalogados máis de 10.000 bens culturais por todo o país. Na súa lista vermella figuran case máis de 100 tesouros do noso pasado “en perigo inminente”. De conventos a cruceiros, pasando por pontes, igrexas ou círculos líticos, diversos elementos integran esta lista de Patrimonio Galego, que di que “está formada por aqueles bens que corran grave perigo, xa sexa de destrución, alteración ou desaparición”.

 

O Castro das Baradas (Lugo), o Pazo de Bergazos (Lalín), Convento de Montecubeiro (Castroverde), a Ponte Cabirta (Bugallido-Ames), o Círculo Lítico de Castrotión (Oca-A Estrada) ou a Igrexa de Santo Estevo de Pardollán (Rubiá) son exemplos de bens patrimoniais galegos que figuran na ‘lista vermella’ elaborada por ‘Patrimonio Galego’. A principios de 2015 figuraban nesa lista por volta de 40 elementos. Agora xa son 108.