A lista de espera para a primeira consulta en saúde mental aumentou en 150% en sete anos

(Foto: Europa Press).
Máis de 10.000 pacientes están en agarda, 4.000 máis que en 2014.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitaba esta fin de semana en Cervo as obras dunha futura unidade residencial para a saúde mental na Mariña. Alí, o conselleiro gabou  os avances conseguidos nestes anos da man do Plan de saúde mental 2020-2024 da Xunta da Galiza. 

Porén, profesionais e pacientes teñen unha perspectiva diferente á do conselleiro. Un exemplo é o da psicóloga clínica Rosa Cerqueiro e a do Movemento Galego de Saúde Mental, que denunciaron que o plan naceu sendo "insuficiente". 

O Goberno da Xunta, entón presidida por Alberto Núñez Feixoo, falaba daquela, 2010, "do maior plan de saúde mental desde a transferencia do Sergas". Porén, "os recursos planeados polo Goberno da Xunta para a atención da saúde mental desde os servizos públicos en 2020 non chegaban nin á metade dos recursos estimados 25 anos antes, cando aínda estaba por vir a crise económica de 2008 e a crise sanitaria da Covid", explica Rosa Cerqueiro. En 2020 a Xunta da Galiza avanzaba a contratación de 241 profesionais en catro anos, "cando se precisaban 560". En maio de 2022 contabilízanse 117 novas contratacións, medio cento menos das previstas en dous anos.

25% máis desde 2018

Na Galiza hai ao redor de 10.000 persoas á espera dunha primeira consulta, segundo se denunciou nun recente debate parlamentario con datos do Colexio de Psicoloxía e do Movemento Galego de Saúde Mental. Esta cifra supón 25% máis das persoas que agardaban por unha primeira cita no ano 2008 —daquela eran 8.000— e 150% máis que no exercicio de 2004, cando ese número de persoas abeiraba as 4.000.

Esa cantidade de persoas en espera, ademais, é incompleta pois só teñen en conta a lista de espera estrutural —non contempla renuncias e derivacións—. O tempo de espera medio segundo as listas oficiais sitúase ao redor de 40 días mais psicólogas como Rosa Cerqueiro xa denunciaron que "eses 40 días de espera adoitan ser o mínimo que hai que agardar". Para facer fronte a isto, o Sergas dispón de 124 psicólogas e psicólogos clínicos e 224 psiquiatras; un número que desde o propio colectivo de profesionais consideran insuficiente para atender as necesidades da Galiza, a segunda comunidade con máis suicidios ao ano e líder en consumo de relaxantes, somníferos e ansiolíticos.

"Que fago?"

Manuel, nome ficticio, é un paciente da área sanitaria de Santiago-Barbanza que elixiu ir pola privada, "pagando", porque non podía seguir esperando a ser atendido na primeira consulta na pública. "Eu creo que tiña que ser moito máis inmediato, non se pode agardar tanto porque moita xente, como min, cando chegamos a ese punto de pedir unha consulta é que xa levamos tempo batallando en solitario coa depresión e temos a impresión de que non podemos esperar, de que rompemos", confesa. "E pregúntaste: Que fago? Espero máis e máis? E recorrín á privada".

Unha de cada vinte persoas sofre depresión na Galiza

O psiquiatra do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol Daniel Núñez manifestou recentemente no foro telemático Depresión e Suicidio que reuniu persoas expertas para abordar a depresión que a Galiza “conta con máis persoas” con depresión que a media do Estado, aínda que os “cadros depresivos son máis leves”. Segundo os datos da Enquisa Europea de Saúde de 2022, a porcentaxe de poboación que sofre depresión na Galiza é de 5,54%. Nese mesmo encontro, o xefe do Servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Vigo, o doutor José Manuel Olivares, explicou que ao redor de 90% das persoas que morre por suicidio teñen antecedentes dunha enfermidade mental tratábel. Os datos do Instituto de Medicina Legal de Galicia constatan que 331 persoas faleceron por suicidio no ano 2021.