A lista de agarda para a cita médica de especialista subiu ao día en 28 persoas desde 2019

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, a pasada cuarta feira na presentación dun proxecto para instalar puntos de cargas sostíbeis en centros sanitarios. (Foto: Xunta da Galiza)
A Xunta fixou un máximo de 45 días para unha consulta especializada e a agarda media é de 72.

O ex conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña é un dos tres ex titulares desta carteira que hoxe vai comparecer no Parlamento na comisión de investigación sobre contratación da Xunta da Galiza. Dirixiu a Consellaría desde 2020 até abril 2024, cando o substituíu Antonio Gómez Caamaño. Os últimos datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera analizan o primeiro semestre do presente ano, con Comesaña aínda como máximo responsábel do Sergas. A situación, a estas alturas de 2024, fica lonxe de achegarse á previa á pandemia da Covid-19, antes de 2020. Nestes cinco anos, máis días de espera para ter consulta cun especialista e máis persoas en agarda para se operaren. Tamén, entre 2019 e 2024, hai máis cartos destinados á sanidade privada.

Datos: Ministerio de Sanidade / Gráfico: Nós Diario

Os datos do Ministerio indican que no primeiro semestre de 2024 houbo que esperar na sanidade pública galega 72 días de media para ser atendido por un especialista. Son 34 días máis que os que había que agardar de media nos primeiros seis meses de 2019, cando eran 38. En 2020, o ano do confinamento, había que esperar 60 días. No primeiro semestre de 2021, 43 días era a media de agarda, que aumentou a 55 en 2022 e a 63 entre xaneiro e xuño de 2023. Desde este último dato até mediados de 2024, esa espera incrementou en 9 días. Son 72 xornadas, 17 por riba das 45 que a propia Xunta da Galiza ten como tope a través da Lei de garantías sanitarias, aprobada  en 2013 no Parlamento galego co único apoio do PP.

Durante estes cinco anos non só aumentou o tempo que deben esperar as persoas usuarias do Sergas para accederen a unha consulta especializada, xa que tamén se incrementou o número de persoas que integran esas listaxes. No primeiro semestre de 2019 había en agarda 168.540 persoas; un lustro despois, esa cifra aumentou en máis de 51.000 persoas, até as 220.033 rexistradas o pasado mes de xuño. Entre xuño de 2019 e xuño de 2024 a lista de espera para ver un especialista na sanidade pública galega foi medrando a un ritmo medio de 28 novas persoas cada día.

Listas de cirurxía

Esta situación, nos seus trazos principais, repítese tamén coas listas de agarda cirúrxicas. Entre 2019 e 2024 aumentou a media de días de espera para poder operarse na sanidade pública galega. Hai cinco anos eran 56 e agora son 71; 15 máis. A Lei de garantías sanitarias fixaba na espera cirúrxica un máximo de 60 días. O tope cumpríase en 2019 con esas 56 xornadas de agarda mais non en 2024, nin tampouco se logrou en 2020, 2021, 2022  e 2023.

Nestes cinco anos tamén houbo un incremento no número de persoas que esperan por unha intervención cirúrxica: no primeiro semestre deste ano son 50.264 e nese mesmo tramo de 2019 eran 34.468. A listaxe creceu, pois, en máis de 15.000 pacientes en apenas un lustro. 

O tempo máximo de espera garantido de 60 días naturais para unha intervenciòn cirúrxica só afecta as doenzas do anexo I do decreto 105/2017: neoplasias, tumores, carcinomas, válvula aòrtica e mitral, aneurismas, hidrocefalia e desprendimento de retina, e obstrucciòns arteriais. O resto das doenzas están sometidos aos tempos da Orde do 19 de maio do 2003: prioridade 1 (30 días), prioridade 2 (menos de 90 días) e prioridade 3 (180 días).

O tempo máximo para unha consulta externa de 45 días aplícase para as doenzas anteriores e para o resto: preferente (15 días), e sen preferencia (180 días ou día fixado polo facultativo).

Finalmente para probas diagnòsticas, o mesmo que para consultas externas: 45 días para as doenzas do decreto do 2017 e para as que están fora del non hai normativa autonòmica que regule a materia polo que se aplica a normativa estatal (RD 605/2003, do 23 de maio). Neste caso só hai proba preferente (máximo 15 días), non existe garantía de tempo máximo de atención.

Os datos do primeiro semestre de listas de espera desagregadas segundo as diferentes especialidades aínda non se publicaron, prevéndose que vexan a luz antes de remate do exercicio. Os últimos son do 31 de decembro do ano pasado e neles tamén se reflicte ese incremento.

Datos: Ministerio de Sanidade / Gráfico: Nós Diario

Os tempos medios de espera para operarse na Galiza aumentaron principalmente en especialidades como Uroloxía –de 59 días no primeiro semestre de 2023 a fechar o ano con 71; 12 máis–, Cirurxía xeral e de dixestivo –seis días máis, até os 61–, Xinecoloxía –sete máis, até os 51– ou Neurocirurxía –seis máis–. De xuño a decembro de 2023 a agarda para ser atendido en especialidades como Cirurxía xeral e de dixestivo pasou de 37 a 61 días de media na Galiza –23 días máis–; en Traumatoloxía, de 61 a 75 días de agarda; en Uroloxía, de 38 a 71, e en Xinecoloxía, de 32 a 58.

O proxecto de Orzamentos da Xunta da Galiza para a sanidade contempla destinar en 2025 máis de 245 millóns de euros para "asistencia sanitaria con medios alleos", é dicir, para concertos coa privada. En 2019 a cantidade destinada a esa mesma finalidade era de ao redor de 213 millóns de euros. 

Manuel Fernández: "Tiñan que operarme en 90 días e tardaron oito meses"

Manuel Fernández, de Lalín (O Deza), agardou 267 días para ser operado para unha prótese de cadeira malia que estaba catalogado polo propio Sergas como "de prioridade 2". "Tiñan que operarme en 90 días e tardaron oito meses", explica a Nós Diario. "Foi un desastre o que fixeron comigo", afirma, e lembra que ante as fortes dores de cadeira que padecía "non hai analxésicos que valan". "O único día que parou a dor foi cando me anestesiaron para operarme", di. Fernández explica que ao longo de todo ese tempo de espera tivo que acudir varias veces ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Lalín e ás Urxencias do Hospital Universitario de Santiago (CHUS) por mor da dor que sufría: "Pasaba o tempo e mentres me tiñan en espera para operarme eu empeoraba, tiña dor e non daba camiñado nin con muletas".

Esta situación levouno a presentar varias reclamacións ante o Sergas. "Nin se inmutaron; moi boas palabras na resposta pero non me solucionaron nada", reprocha. Tivo que agardar oito meses até que finalmente foi operado. Unha longa espera que atribúe á Xerencia da área sanitaria de Santiago-O Barbanza e mais ao propio Sergas. "O persoal médico e enfermeiro non teñen culpa ningunha, fan máis do que poden. Pero o Sergas si ten", conclúe.