Separar líquidos e portátiles deixará de ser obrigatorio nos aeroportos a partir de 2024

O control de líquidos nos aeroportos estabeleceuse en 2006 após un intento frustrado de atentado en Londres. (Foto: Nós Diario)
Aena implantará escáneres con raios X en 3D que facilitarán o control das equipaxes.

Os pasaxeiros e pasaxeiras que transiten polos aeroportos do Estado español non terán que sacar líquidos ou ordenadores portátiles da súa equipaxe nos controis de acceso, pois Aena ten previsto implantar novos escáneres con raios X en 3D que permitirán inspeccionalas sen necesidade de abrilas e colocar en bandexas separadas, e os líquidos, en bolsas de plástico. Madrid-Barajas e Barcelona-El Prat serán os pioneiros en implementar o sistema o próximo ano.

O xestor aeroportuario realizará un "importante" investimento en tecnoloxía EDSCB (Explosive Detection System for Cabin Baggage) a pesar de que no Estado non é obrigatoria. Estes sistemas son equipos con raios X que xeran unha imaxe en 3D, o que facilita a inspección das equipaxes, aforrando tempo á persoa viaxeira sen perder seguridade no procedemento. "A seguridade é prioritaria para Aena, que aposta nas últimas tecnoloxías para colocarse á vangarda dos aeroportos máis seguros", aseguran desde o ente público.

Actualmente os líquidos, perfumes, cremas, aerosois, escumas, xeles, champús e pastas de dentes tiñan que ir en envases individuais de capacidade non superior a 100 mililitros contidos, á súa vez nunha bolsa de plástico transparente con sistema de apertura/feche de capacidade non superior a 1 litro —bolsas de aproximadamente 20x20 centímetros—.

Só se pode transportar unha bolsa por pasaxeiro, incluídas crianzas, e esa bolsa tiña que colocarse en bandexas do control de seguridade, fóra da equipaxe. Na actualidade as únicas bebidas, cosméticos e perfumes permitidos eran aqueles que se compraban no propio aeroporto en bolsas de seguridade homologadas e precintadas e que conteñan o recibo da compra. Coa nova normativa, porén, os viaxeiros poderán portar botes de aseo persoal como colonias, cremas ou maquillaxes de tamaño medio ou familiar.

Os aeroportos xestionados por Aena incluirán tamén novas liñas automatizadas para a xestión da equipaxe de man (ATRS) e o sistema de inspección remota, que axiliza o fluxo nos filtros de seguridade dos aeroportos máis transitados. Aena explica que este sistema "permite separar as maletas sospeitosas das que non o son, e a xestión e retorno de bandexas de forma automática, sen que o pasaxeiro teña que preocuparse delas".

Os escáneres que utilizan esta tecnoloxía xa se están a probar nos aeroportos londinenses de Heathrow, Gatwick e Stansted, e o Goberno do Reino Unido avanzou que mudará as normas de seguridade para que estean operativos en 2024. Aliás, a Administración de Seguridade no Transporte dos Estados Unidos (TSA) probou os novos dispositivos en quince aeroportos, incluídos Los Angeles, Oakland, San Diego e Chicago.

En Europa, a Comisión Europea pediu que se suavicen estas restricións impostas tras os atentados terroristas das Torres Xemelgas de Nova York o 11 de setembro de 2001. O control de liquidos estabeleceuse en 2006 por mor dun atentado frustrado —explosivos ocultos en latas de bebida— planeado por Al-Qaeda contra sete avións que despegaban de Heathrow. A asociación internacional de aerolíneas IATA tamén apoia a proposta de ir suavizando as restricións.