Só en papel #Sermos231

Linguaxe sexista, mulleres invisíbeis

As palabras seducen. Teñen a capacidade de modificar a percepción que temos da realidade e tamén de construíla. Afondamos no sexismo que agochan nunha ampla reportaxe que publicamos no Sermos Galiza 231, á venda xa nos quiosques e na loxa. Deixamos aquí un extracto.

Na Galiza somos máis mulleres que homes. Segundo os últimos dados do IGE, están censadas no país 2.732.347 persoas, 1.415.293 mulleres e 1.317.054 homes. Porén, somos invisibilizadas acotío, cada vez que non se nos nomea. Basta con prestarmos atención a calquera conversa do noso arredor para nos decatar de que a linguaxe conta con múltiplas estruturas que perpetúan os estereotipos machistas e que discriminan e denigran as mulleres. Expresións como “os nenos non choran”, “teño que ir ao médico”, “chama a súa secretaria”… son tan habituais como machistas.

A linguaxe reflicte e constrúe o mundo. Así o advirte a profesora da Universidade de Vigo Ana Bringas, unha das autoras do Manual de Linguaxe inclusiva no ámbito universitario, editado pola Uvigo e que tamén asinan Olga Castro, María Jesús Fariña, Belén Martín e Beatriz Suárez. En declaracións a Sermos Galiza, a filóloga pon de manifesto que a linguaxe sexista dá conta da “realidade que vivimos, unha sociedade desigual, con mulleres invisibilizadas e mesmo desprazadas en moitos ámbitos”. Esta desigualdade, explica, faise máis evidente no caso das linguas romances, que contan con flexión de xénero.

Ana Bringas sinala que o uso da linguaxe sexista “perpetúa un estado de cousas no que as mulleres non contan para nada” e defende que a linguaxe inclusiva “contribúe a construír realidades e imaxinarios nos que hai igualdade”. “Mentres sigamos usando a linguaxe sexista, seguiremos excluíndo as mulleres, porque o que non se nomea, non existe”, engade.

 

[Podes ler a información íntegra no Sermos Galiza 231, xa á venda nos quiosques e na loxa online]