Día das Persoas con Discapacidade: Linguaxe inclusiva, a importancia das palabras

O recoñecemento dos dereitos das persoas con discapacidade urxe medidas efectivas a todos os niveis (Foto: Down Galiza).

O 3 de decembro conmemórase o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Un cento de entidades sociais da Galiza, integradas por usuarias, profesionais, familias e persoal voluntario, reclama "non máis vulneración dos nosos dereitos".

No Día Internacional das Persoas con Discapacidade, perto dun cento de entidades sociais da Galiza volverán xuntarse 'baixo o mesmo paraugas' para reivindicar e construír un mundo máis igualitario. É parte da súa misión: sensibilizar, acompañar e achegar servizos imprescindíbeis para o coidado integral das persoas con discapacidade.

Desde Cogami, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, este 3 de decembro urxen "non máis vulneracións dos nosos dereitos". Segundo recoñece o seu presidente, Anxo Queiruga, "as persoas con discapacidade atopamos dificultades no desenvolvemento dos nosos proxectos de vida, carecemos de igualdade de oportunidades e vivimos con discriminación, polos prexuízos sociais e a falta de información".

Sucede no ámbito laboral, no da educación e no acceso a recursos e servizos básicos. A taxa de paro entre as persoas con discapacidade chega a superar en 10 puntos os rexistros xerais. A escaseza de apoios para o desenvolvemento da autonomía persoal, así como para a escolarización das persoas menores con discapacidade, é outro obstáculo habitual para máis de 7.500 crianzas galegas e as súas familias. A este suman os propios das mulleres, 122.816 con discapacidade na Galiza, ademais duns "dereitos limitados" en materia de "liberdade de comunicación, circulación, socialización, acceso á vivenda, ao transporte público, ao ensino, a espazos lúdicos ou culturais", defenden.

Discriminas ou respectas?

Atender e respectar os dereitos das persoas con discapacidade ten moito que ver cos recursos dispoñíbeis na contorna, mais tamén coas palabras. Mudar a percepción da discapacidade para gañar en consideración cara ás persoas  que conviven con ela exixe unha linguaxe inclusiva e respectuosa,  que non discrimine nin ignore a ninguén.

As palabras importan. Despois de 40 anos, o Consello de Ministras e Ministros aprobou no mes de maio  o anteproxecto de reforma do artigo 49 da Constitución relativo á protección e promoción dos dereitos das persoas con discapacidade. A nova redacción prescinde da linguaxe sexista e discriminatoria. Elimina toda referencia aos "diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos" para afirmar que "as persoas con discapacidade son titulares de dereitos e deberes en condicións de liberdade e igualdade real e efectiva, sen que poida producirse discriminación".

Na mesma liña, a RAE actualizou hai xusto un ano a definición de discapacidade e suprimiu o termo 'diminuído' referido ás persoas con discapacidade. "A linguaxe nomea a realidade na que vivimos, e esa forma de nomeala está marcada por convencións arbitrarias, culturais ou ideolóxicas que podemos cambiar", apunta a Nós Diario Noemí Álvarez, filóloga e nai dunha nena con síndrome de Down. "Moitas veces escollemos palabras que en vez de pór o foco na persoa destacan as dificultades que poden ter ou só unha parte dela, e non é necesario". Así, defende o uso dunha linguaxe máis igualitaria "que poña en valor a diferenza e a diversidade", unha linguaxe inclusiva, "que ten unha visión positiva de todas as persoas, con independencia das súas características".

Un dicionario en permanente revisión

Este uso, recalca, é froito da reflexión, dun traballo e esforzo colectivos. "Cando naceu a miña filla fun ao dicionario da RAG e vin que a definición de síndrome de Down non respondía a unha visión científica. Destacaba a debilidade mental e as deficiencias físicas, algo totalmente afastado da realidade. Solicitei revisar esa definición e en pouco tempo foi modificada".

 "Revisar e actualizar unha obra das características da RAG, que conta con 60.000 entradas, é un labor continuo que non se pode facer dunha vez", aclara María Dolores Sánchez Palomino, académica de número e membro do seminario de lexicografía da Real Academia da Lingua Galega. "Na web da RAG hai unha sección aberta para comunicar suxestións, erros ou  observacións para que calquera poida facer propostas; e todas son tratadas e estudadas desde o máximo respecto e recoñecemento dos dereitos das persoas implicadas.

Así, o dicionario está sendo "permanentemente revisado e actualizado", suxeito sempre "á supresión de acepcións ou denominacións que poidan resultar inapropiadas ou ofensivas". "A sociedade avanzou moito no respecto e no recoñecemento dos plenos dereitos das persoas que non se axustan a uns patróns estabelecidos", di Sánchez Palomino, e con ela, o dicionario, que ademais de "reflectir o que é a lingua en cada momento" tamén cumpre unha función didáctica para chamar a atención sobre determinados usos que son rexeitábeis", conclúe.