Máis un novo paso para o ensino en galego, agora en Ourense

O curso 2023-2024 principiará cunha nova escola Semente, en Ourense. Un logro a base da ilusión e o compromiso de persoas e colectivos comprometidos co galego.

Compostela, Vigo, Trasancos, A Coruña, Lugo.... e agora, tamén Ourense. As escolas Semente van pasiño a pasiño estendéndose pola Galiza a base de compromiso e implicación de familas, persoas e colectivos comprometidos mcoa lingua. 

"Pór en andamento unha destas escolas non é unha tarefa doada", afirma a Nós Diario Xavier, unha das persoas responsábeis de que o que empezou como unha idea en 2016 -e que se retomou en 2021- vaia ser unha realidade no vindeiro curso. Mais, afirma, "as dificultades" sobrepasanse a base de "traballo e ilusión".

Un paso diante ante o 'galeguicidio'

Indica Xavier que a situación do galego en Ourense, "ao igual que no resto do país", é "máis que preocuapante", nomeadamente entre crianzas e mocidade. "Unha lingua que vai camiño de ser estranxeira na súa propia terra", critica. Ante este escenario, considera que aquelas persoas, organizacións e colectivos que teñan un "mínimo de sensibilidade" para co galego deberían "facer algo".

As escolas Semente queren ser, exploca, unha "ferramenta" cotra a desgaleguización nas crianzas. Lamenta que haxa "cero apoios" desde as mesmas Administracións que destinan centos de miles de euros en subvencións a colectivos e entidades "para festas varias". 

Confía en que Semente Ourense sume medio cento de persoas asociadas de cara ao inicio do curso 2023-2024. O proxecto diríxese a crianzas de 2 a 6 anos. 

Seixalbo

O local para a escola xa o teñen, "grazas á xenerosidade da veciñanza de Seixalbo", unha parroquia de Ourense. Agora mesmo estan coas reformas e acondicionamento do espazo para telo todo listo para o vindiero curso.

Un proxecto de micromecenado desenvolvido a finais do ano pasado logrou reunir máis de 7.000 euros para axudar a sacar adiante esta escola Semente de Ourense.

O proxecto naceu en 2016 máis ficou varado até que se retomou en 2021 da man dun grupo de activistas e persoas comprometidas co galego. En 2023 vai ser unha realidade. 

Xavier apela a un maior compromiso para co idioma. "Non está o forno para actitudes mornas", afirma, e anima a "sumar e apoiar" todo tipo de iniciativas a prol do galego, nomeadamente no ensino. Entre elas, destaca, as escolas Semente.