O lindano persiste na cunca do Miño-Sil

Lindano na beira dunha estrada no concello do Porriño, onde piden catalogar todos os solos contaminados.
Ecoloxistas en Acción urxe un plan de descontaminación para O Porriño tras constatar os efectos prexudiciais do lindano tanto nos solos como nas augas na bisbarra da Louriña.

A contaminación por lindano perdura na maior parte das demarcacións hidrográficas do Estado medio século despois de que se suprimise o seu uso como insecticida na agricultura. A Unión Europea prohibiu a súa utilización en calquera ámbito de forma definitiva en 2008. Segundo a Organización Mundial da Saúde e a Axencia Internacional de Investigación do Cáncer, trátase dunha substancia canceríxena para as persoas, velenosa  e moi persistente. "Moi volátil e bioacumulativa", sinala o informe Lindano, presente dun legado tóxico, elaborado por Ecoloxistas en Acción para certificar unha evidencia coñecida: o lindano segue presente no medio ambiente, particularmente en solos e ríos, como consecuencia do uso deste pesticida organoclorado e dos vertidos incontrolados dos residuos derivados da súa fabricación durante décadas.

O Porriño, punto destacado de contaminación

O estudo constata a continuidade do HCH-lindano en case todas as cuncas hidrográficas do territorio estatal en 2017 e 2018 e documenta os casos nos que este contaminante excede os límites esixidos polas leis de calidade ambiental en augas superficiais. Destaca a situación do Porriño, onde a farmacolóxica Zeltia produciu esta substancia no polígono de Torneiros desde 1947 a 1964.

Hai que ter en conta que para producir un quilo xeraban nove quilos de residuos que Zeltia foi amoreando na contorna das Gándaras de Budiño e do río Louro.

En 2017, detectáronse niveis elevados de lindano en máis dunha ducia de pozos, fontes, regatos e pozas analizadas nesta parroquia que comezou a saber do prexuízo deste pesticida a principios dos anos 90. Desde entón, o problema agravouse, afirma Cristóbal López Pazo, voceiro de Ecoloxistas en Acción na Galiza. "Co paso do tempo foi aparecendo o lindano acumulado. Hai que ter en conta que para producir un quilo xeraban nove quilos de residuos que Zeltia foi amoreando na contorna das Gándaras de Budiño e do río Louro que agora leva a contaminación ao Miño".

"A veciñanza levábao para botar nos camiños ou nas entradas da casa. Non sabían do dano que provocaba", incide López Pazo. Mais isto cambiou, o coñecemento que teñen agora é moi alto, por iso non deixan de esixirlles ás Administracións que compartan os resultados dos últimos controis solicitados para iniciar un plan de descontaminación que permita recuperar a zona afectada.

As árbores tamén absorben o lindano

"A Xunta debera ter entregado xa en xaneiro e en abril as conclusións de dous estudos encargados a Geocisa para determinar o impacto no parque do lindano e en toda a comarca da Louriña co fin de estabelecer as técnicas máis indicadas para porlle remedio á contaminación".

Cómpre maior exixencia na calidade das augas para o consumo humano, cuxos valores máximos permitidos superan os estabelecidos para outros usos.

Neste sentido, desde Ecoloxistas en Acción instan o Concello do Porriño a reactivar a comisión do lindano e o Goberno galego a ser máis esixente coa calidade das augas para o consumo humano, cuxos valores máximos permitidos "superan os estabelecidos para outros usos como o regadío, o baño ou o consumo animal".

É unha das solicitudes e das principais conclusións do informe presentado polo colectivo, que tamén certifica concentracións elevadas de lindano na madeira das árbores que medran nas proximidades de solos contaminados, "un risco engadido en caso de incendio, xa que favorece a combustión e a toxicidade por inhalación".