Liña de apoio da Deputación da Coruña a programas de igualdade e contra a violencia machista de entidades sociais

A artista Nana durante a creación dun mural contra a violencia de xénero.

A área de Igualdade destina 300.000 euros á liña de apoio en concorrencia competitiva destinada a programas de igualdade e contra a violencia machista promovidos por entidades sen ánimo de lucro.

A área de Igualdade da Deputación da Coruña destina 300.000 euros a apoiar os programas de entidades sen ánimo de lucro destinados a promover a igualdade e eliminar a violencia machista.

A deputada de Igualdade, María Muíño, recoñece o papel "fundamental do tecido asociativo para construír un futuro en igualdade e concienciar á sociedade contra a violencia machista".

"Desde a área de Igualdade da Deputación da Coruña, ademais de desenvolver outros programas e iniciativas destinadas a concellos, consideramos que o traballo das entidades ten unha especial repercusión á hora de eliminar o machismo e a violencia contra as mulleres, tanto en programas de prevención, difusión ou conciliación con especial repercusión social", sinala a deputada de Igualdae, María Muíño.

As entidades poderán optar a axudas que van desde os 1.000 aos 40.000 euros e o prazo de presentación de solicitudes remata o día 31 de marzo ás 14:00 horas. A porcentaxe subvencionábel do orzamento de gastos financiábeis é do 20% ao 80%. 

No ámbito de iniciativas de igualdade, apoiaranse programas de empoderamento e participación social, de fomento da igualdade de xénero, de emprego en igualdade de oportunidades, conciliación e responsabilidades compartidas. En canto aos proxectos que se desevolvan dentro da loita contra a violencia machista, poderán presentarse programas de prevención, sensibilización e identificación da violencia machista e tratamento integral das persoas en situación de violencia de xénero.