A Limia conxela os termómetros: 10 graos baixo cero en Calvos de Randín

Os concellos limiaos son os máis fortemente afectados polas xeadas. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Noutras comarcas como Verín, Viana ou Os Ancares tamén imperaron os rexistros negativos.

Calvos de Randín volveu marcar na mañá desta terza feira a temperatura mínima de todo o país, ao descender até os 10 graos baixo cero. E é que o sueste da Galiza ficou con alerta amarela por frío durante a madrugada, con valores que chegaron a superar, á baixa, os 5 graos negativos.

De acordo cos valores extremos rexistrados por Meteogalicia, Calvos de Randín, na comarca da Limia, chegou aos -10 graos sobre as 8.20 horas desta mañá, o que supón para o municipio unha nova marca de récord no que vai de inverno.

Tamén se alcanzaron temperaturas moi baixas, inferiores a -7 graos, en municipios da mesma comarca. Así, a estación meteorolóxica de Baltar marcou -7,6ºC ás 6.40 horas da madrugada, e a de Vilela, no concello de Verín —comarca homónima—, -7,1ºC ás 8.40 horas.

En Xinzo de Limia, malia que non chegou a baixar tanto, a estación notificou 6,3 graos negativos ás 9 horas da mañá, mentres que en Vilariño de Conso —Viana— os medidores do Parque do Invernadeiro alcanzaron os 4,2ºC baixo cero ás 4.50h.

O sueste foi, así, a zona da Galiza máis afectada polas xeadas da madrugada desta terza feira, na que Meteogalicia mantivo activada unha alerta amarela —até as 9 horas— por temperaturas que podían baixar —e de feito baixaron— dos -4ºC. A situación será idéntica esta cuarta feira.

Por outra parte, en zonas de montaña e do interior do país tamén descenderon as temperaturas, até alcanzar os -2,4ºC en Pedrafita do Cebreiro —Os Ancares— ás 6.20 horas, ou os -1,6ºC en Navia de Suarna —ídem— ás 5.10h.

Baixo influencia anticiclónica

Ao longo desta terza feira, o país volverá ficar baixo a influencia anticiclónica. Haberá ceos despexados en xeral, agás bancos matinais en zonas do interior. Con todo, pola noite non se pode descartar algunha choiva débil e puntual no norte galego. Os ventos soprarán de compoñente leste e frouxos en xeral, pero moderados na costa noroeste.