Turismo

O grupo alemán Limehome prepara o seu desembarco en Santiago cunha vintena de pisos turísticos

Estabelecemento turístico de Limehome.
Sería a primeira propiedade na Galiza desta compañía presente por todo o continente e concretaríase o vindeiro ano.

A compañía de apartamentos turísticos alemá Limehome continúa o seu proceso de expansión no Estado español e prevé chegar en breves á Galiza, comezando a operar en Santiago de Compostela a súa primeira propiedade do país a partir do primeiro trimestre do 2024, segundo as súas previsións.

O estabelecemento, que contará con 21 apartamentos, situarase na rúa Gómez Ulla, perto da praza da Galiza, principal eixo de comunicacións da cidade e das principais rúas comerciais de Santiago. Como socio do proxecto figura un investidor privado que adquirira este inmóbel no pasado e que optou por polo en valor a través da reconversión a un estabelecemento de apartamentos turísticos dixitais de primeiro nivel.

Pola súa parte, Limehome asinou un contrato de arrendamento de renda fixa de longa duración que fará que aumente a liquidez do activo, aínda que a intención da propiedade é mantelo dentro do seu patrimonio.

Fundada en 2018, Limehome está presente en Alemaña, Austria, Países Baixos, Bélxica, Hungría, Portugal e España. A súa estratexia de crecemento pasa por ter presenza co seu catálogo de apartamentos non soamente en grandes cidades como Madrid ou Barcelona, senón tamén en cidades de tamaño medio ou pequeno, pero cunha forte proxección, como é o caso de Santiago.