25N

O lilá viste de negro para denunciar nas rúas galegas as violencias machistas

Imaxe portada: @En_Marea Imaxe interna: @gzcontrainfo

Miles de persoas toman parte nas mobilizacións e manifestacións que este domingo percorren vilas e cidades do país convocadas polo feminismo galego.

Nestes 15 anos 57 mulleres foron asasinadas en Galiza polas súas parellas ou exparellas. Na actualidade, 3.200 mulleres en Galiza están baixo protección pola ameaza que pende sobre elas. Cada día de media 16 mulleres en Galiza, segundo datos da Fiscalía, sofren violencia física e psicolóxica, agresións á liberdade sexual, ameazas. Son só uns dos moitos datos que se poden poñer sobre a mesa para evidenciar a persistencia e insistencia das violencias machistas contra a muller. Unhas violencias que este domingo, 25 de novembro, foi denunciadas en rúas e prazas galegas polas miles de persoas que tomaron parte nos actos convocados polo feminismo galego.

 

Se na greve do 8M o lilá foi o color dominante, neste 25N é o negro, de loito polas asesinadas, ameazadas, violadas, explotadas. "Polas que están, as que non están e as que perigan" líase nunha faixa en Compostela. "Autodefensa feminista contra as violencias machistas" berrábase en Vigo. "Contra o terrorismo machista, feminismo sen tregua", reivindicábase en Ferrol. "Non somos escravas", "Fóra machismo, dentro feminismo", "Non temos medo", Non me chamo guapa" ou "Fartas de acoso, fartas de babosos"  foron algunhas das consignas, lemas e palabras de orde que se estendían nas mobilizacións.


Manifestacións, mobilizacións, concentracións desde a mañá e até a tardiña este domingo. Mais en días anteriores houbo obradoiros, palestras, permofances, concertos... o feminismo galego volveu demostrar o seu poder de organización e convocatoria cara a unha data, Día internacional pola eliminación das violencias contra as mulleres, que non queren que fique como unha simple data no calendario mobilizador.

 

"Non imos aturar máis violencias"


"Cómpre pasar á acción! Para iso, reclamamos a creación dunha Unidade de Violencia Machista específica en Galiza encargada de facer cumprir a lexislación. Reclamamos impulsar xulgados específicos de violencia de xénero. Reclamamos garantir formación en violencia de xénero de todo o persoal que intervén no proceso xudicial. Reclamamos promover medidas destinadas ao tratamento integral da violencia sexual", recollíase no manifesto do Movemento feminista de Compostela lido ao finalizar a nutrida manifestación na capital de Galiza. "Non imos aturar máis violencias en ningún ámbito. O tempo da impunidade rematou", concluía.

 

 

Nas mobilizacións e manifestos que se leron este domingo denunciábanse as diferentes violencias que sufren as mulleres, non simplemente a física: tamén a xurídica, a económica, a social, a psicolóxica, a laboral.... "O silencio das mulleres rematou", advertíase nun cartaz. Para que non sexan necesarios máis 25N.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Imaxes: @GZcontrainfo