Lanzan un manifesto contra a obrigatoriedade da vacinación

Dúas nenas reciben a vacina contra a Covid-19 na Cidade da Cultura. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O manifesto contrario á vacinación obrigatoria solicita que nos medios “se informe en base á investigación e ao debate científico”. Non obstante, precisamente neste eido, hai unha concordancia case unánime sobre os beneficios da vacinación.

A pasada cuarta feira nacía o Colectivo berro seco na defensa dos dereitos e liberdades, por medio dun manifesto publicado na Internet no que arremeten en contra das restricións por mor da pandemia de Covid-19 e cuestionan a vacinación obrigatoria. 

Entre os impulsores e primeiros asinantes atópase a ex deputada no Parlamento Europeo Lidia Senra, xunta nomes como Xosé Ramón Cendán Regueiro, Miguel Anxo Abraira Sobrado, Xabier Gómez Santiso ou Pura Seoane Albela.

Sostendo que, desde “principios de esquerda” observan con preocupación “como se está a dar unha deriva totalitaria e antidemocrática da man dun conxunto cada vez maior de medidas e cambios lexislativos”.

Baseadas niso, as persoas que integran o colectivo enumeran unha serie de reclamacións para as que piden apoio como “a fin inmediata de calquera tipo de coacción e acoso coa finalidade de converter, na práctica, a vacinación nun acto obrigatorio”, incidindo en que a sanidade ten que cesar nas medidas “de perseguir e/ou violentar as persoas sas”.

Neste sentido, exixen tamén que se elimine de inmediato “o pasaporte Covid para calquera uso” e a suspensión da recomendación da vacinación infantil e xuvenil, aducindo que as consecuencias para a súa saúde de padecer o SARS-CoV-2 serían mellores que a inoculación da vacina, aínda que sinalan que non existen datos “que avalen a inexistencia [ou existencia] de efectos adversos a medio ou longo prazo”.

Investigación e debate científico

Tamén solicitan que nos medios “se informe en base á investigación e ao debate científico”. Non obstante, precisamente neste eido, hai unha concordancia case unánime sobre os beneficios da vacinación.

Ao tempo, piden a “apertura dun debate social e político sobre as medidas económicas e políticas restritivas”, así como “o fin das campañas de acoso, fomento do medo xeneralizado á poboación, e criminalización das persoas que disenten” sobre estas medidas.

En relación ao titular orixinal da noticia, en que se apuntaba que se trataba dun manifesto antivacinas, o colectivo púxose en contacto con Nós Diario para advertir de que non se axustaba ao contido do texto, recollido no blog https://berrosecodignidade.blogspot.com/. 

Insiste o colectivo en que o espírito do texto é defender "os dereitos e liberdades, recortadas polas decisións do Goberno Central, Xunta de Galicia e a inmensa maioría dos medios de comunicación Públicos e privados.

Salienta, tamén, que as persoas promotoras " somos vacinadas e non vacinadas".