Lidia Senra denuncia que o retroceso nos direitos das mulleres atinxe tamén as forzas da esquerda

Lidia Senra, no centro, durante as xornadas

A eurodeputada eleita nas listas de AGEe (Alternativa Galega de Esquerdas para Europa) organizou este sábado en Cangas unha xornada intitulada "O empoderamento das mulleres na esquerda política social".

Está a haber un retroceso "moi forte" nos direitos das mulleres “mesmo dentro das propias organizacións de esquerda ás que pertencemos ou coas que traballamos", denunciou este sabado Lidia Senra no decurso dun coloquio que levaba por título xenérico "Mulleres implicadas política e socialmente fronte ao machismo diario que continúa a imperar na maioría de organizacións de esquerda”.

 

A eurodeputada -que en Bruxelas fai parte do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL)- criticou a "belixerancia" coa que os compañeiros homes de esquerda reaxen perante os avanzos das mulleres nas organizacións partidarias, quer na esfera orgánica quer na institucional. Na mesma perspectiva, reprobou o "mínimo" tempo que se dedica nas campañas eleitorais "a falar da situación e das propostas das mulleres".

 

"Aínda que conseguimos que se fagan listas paritarias e que cada vez máis mulleres accedan ás institucións, o certo é que os primeiros postos continúan a reservarse para homes. Cantas mulleres hai alcaldesas, secretarias xerais ou portavoces?”, inquiriu.