Licenzas de caza para menores? Animalistas advirten á Xunta do incumprimento da Lei da infancia

A ONU xa expresou a súa preocupación pola exposición dos menores de idade a actividades nas que houbese calquera forma de violencia. (Foto: Federación Española de Caza)

A proposta saíu a colación na última xuntanza do Comité Galego de Caza e desde a Fundación Franz Weber lembran que a Lei do menor estabelece que é un deber de todo rapaz e rapaza "respectar os animais", alén de que diversos estudos "demostran a vinculación da exposición á violencia co desenvolvemento de problemas de saúde mental".

A Fundación Franz Weber denunciou este domingo a posibilidade, "cada vez máis real", de que a Xunta da Galiza "regale" licenzas de caza a menores, tal e como propuxo o Comité Galego de Caza, "contravindo normas como a Lei do menor de 1996 ou a recentemente aprobada Lei de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia".

Nun comunicado, a fundación explicou que diversos estudos xa demostraron a vinculación da exposición á violencia co desenvolvemento de problemas de saúde mental durante a nenez e adolescencia, que resaltan ademais que a participación durante estas idades en actos de malos tratos animais é un marcador importante para as actitudes antisociais e condutas agresivas.

Aliás, denunciou que, mentres a propia Lei do menor estabelece que é un deber de todo menor "respectar os animais", a estratexia da Xunta pretende "promocionar a participación de nenos e adolescentes en cazarías a través da súa presenza física nas mesmas".

"Mesmo bonificando as taxas públicas asociadas á obtención da licenza, como expón a proposta realizada no último Comité Galego de Caza", lamentaron desde Franz Weber.

Ao mesmo tempo, argumentaron que o Comité dos Dereitos do Neno da ONU xa expresou a súa preocupación pola exposición dos menores de idade a actividades nas que houbese calquera forma de violencia e nas que se utilizasen armas de fogo por parte de menores de 18 anos, o que, consideran, "anhelan estes responsábeis políticos coas súas licenzas gratuítas".

Así, a Fundación naturalista avanzou que pedirá á dirección xeral de Dereitos da Infancia e da Adolescencia, dependente do Goberno estatal, que tutele os dereitos do menor neste ámbito ou se pronuncie sobre se esta actividade está en consonancia cos valores que pretende preservar para este sector social.

Tamén preguntará, de acordo coas súas competencias, se "van tentar conxugar todos os intereses, cando menos, dos actores implicados, sendo os menores e adolescentes o colectivo máis prexudicado".