Licenza para disparar: Radiografía da tenza de armas na Galiza

Galiza ten 92.345 armas de fogo legais. Neste reconto, facilitado pola Intervención de Armas e Explosivos da Garda Civil na Galiza, non figuran as armas do persoal en activo das Forzas Armadas, das Forzas e Corpos de Seguridade e funcionarios de Vixilancia Aduaneira. Tampouco figuran as de colección: históricas, de avancarga, artísticas ou antigas. En xeral, todas gozan dunha connotación propia que as priva de ser consideras pezas violentas. 

Todas as armas requiren un permiso. "E todas teñen unha guía de pertenza que acompaña sempre a arma e que a identifica", aclara Javier Fernández Luaces, presidente da Asociación Galega de Coleccionistas e Afeccionados ás Armas de Fogo. "Cando vas á Garda Civil pedir unha licenza, o primeiro que che preguntan é para que a queres: caza, tiro deportivo, defensa propia. Daquela, has superar todos os requisitos e os exames de capacitación para que cha concedan".

O Regulamento de Armas, do 93, estabelece diferentes categorías en función das súas características, perigosidade, uso e destino. En termos xerais, hai armas de fogo curtas, pistolas e revólveres; e longas, escopetas e rifles. Son as máis comúns na Galiza. Hai 71.318 escopetas de caza e tiro deportivo, 18.583 rifles de caza maior, 2.367 armas de concurso máis 777 pistolas e revólveres.

As armas curtas para a defensa persoal son, tamén, as máis difíciles de conseguir. Quen as solicita, ademais de ter residencia no Estado español, certificado de antecedentes penais en vigor e un informe de aptitudes psicofísicas -como cómpre en todos os casos- debe xustificar a existencia dun risco especial e a necesidade de portar, cando o considere, unha pistola para a súa propia defensa. 

Xoieiras, farmacéuticas, alcaldesas, xuízas e fiscais, entre outras, dispoñen deste tipo de permisos para a súa propia protección. "Desde hai anos, estas concesións foron a menos", apunta Modesto Toribio, responsábel da Armaría Toribio. "Os supostos que dan acceso a este tipo de armas foron minguando conforme desapareceu a ameaza do terrorismo e os usos sociais foron mudando". 

Control máis rigoroso

Da mesma maneira, di, esta medida tivo a súa réplica entre militares, policías e gardas civís retirados, "que segundo os criterios do Ministerio de Interior, comezan a devolver a súa arma de uso particular".

Todos os tiradores teñen que xustificar a súa actividade. Os cazadores abonda con que presenten a licenza de caza. Os deportivos teñen que estar federados, pertencer a un club, adestrar e competir para poder renovar o seu permiso. Cada cinco anos, os primeiros, e cada tres, os segundos. Ademais, apuntan desde Intervención de Armas, "os órganos competentes poden comprobar en calquera momento se as manteñen e se non, revogar o permiso".

O regulamento de armas, en esencia, non mudou ao longo dos últimos anos. "Cambiaron as leis que rexen a sociedade", explica Toribio, que contribúen a un control máis rigoroso dos permisos. "Calquera falta que nos obrigue a pasar polos xulgados queda rexistrada e é suficiente para que nos retiren a licenza". En caso de violencia machista, aclara, abonda unha denuncia para figurar no Rexistro de Violencia de Xénero ao que ten acceso a Garda Civil.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube