Igualdade

As mulleres como suxeitos activos e non pasivos, a clave de previr os abusos sexuais

[Imaxe: Charlotte Cooper] Cartaz que indica que un atraco non é unha doazón e que unha agresión sexual non é sexo.

Como combater os abusos e agresións sexuais? Adavas, unha asociación que vén de se constituír no Baixo Miño, insiste na necesidade de educar e concienciar para previr. A clave, sinala a asociación, pasa por transmitir que a liberdade sexual non só é dos homes, senón que é dos homes e das mulleres.

Adavas leva apenas catro meses rexistrada como asociación no Baixo Miño. Ana Vicente, axente de igualdade, é a súa presidenta e anteriormente ocupou o posto de responsábel de Prevención en Adavas-León. Explícanos, para comezar, que Adavas Baixo Miño non é delegación de ningunha asociación, senón que se constituíu con entidade propia na Galiza. “Puxemos en marcha a asociación no Baixo Miño para poñer en marcha a prevención dos abusos sexuais e para poder prestar asistencia xurídica e psicolóxica, aínda que teremos que encetar estes dous servizos máis adiante por falta de recursos”, sinala en declaracións a Sermos Galiza.

"Por que a sociedade ensina ás mulleres a previr as agresións e non ensina aos homes a non agredir?, preguntou un mozo nunha das charlas en institutos

Co inicio do curso escolar, Adavas volverá aos centros de ensino da comarca para tratar de traballar na concienciación de crianzas e adolescentes. “Cando damos as charlas non só abordamos os abusos sexuais, senón que tamén falamos de malos tratos”, afirma. “Hai unha cuestión clave que puxo de manifesto un rapaz nun dos institutos que visitamos: por que a sociedade ensina ás mulleres a previr as agresións e non ensina aos homes a non agredir? Esta é a chave do que acontece”, asegura.

O fundamental para a concienciación pasa por ensinarlles aos mozos e ás mozas que as mulleres son suxeitos activos e non pasivos, expón. Porén, a sociedade patriarcal non o pon nada doado, “hai algo que me escandaliza a respeito de como os nenos adquiren coñecementos sobre sexualidade: meten en Google a palabra sexo e o que sae é porno”.

"O porno normaliza certas agresións e reproduce actitudes extraordinariamente estereotipadas que se reconducen a que o home é o suxeito activo e a muller o pasivo"

As crianzas e o porno

“En vez de estarmos formando en sexualidade e afectividade e darlles claves sobre como evitar os abusos sexuais, vemos como as crianzas pensan que o porno é o habitual. E o porno normaliza certas agresións –hai que facer fincapé en que cando se fala de agresión non se fala de desexo, senón de exercicio de poder- e reproduce actitudes extraordinariamente estereotipadas que se reconducen a que o home é o suxeito activo e a muller o pasivo”, pon de manifesto.

Nos obradoiros que Adavas organiza en centros de ensino, Ana Vicente trata de desmontar os mitos arredor das agresións sexuais e fornece recursos para evitar situacións de risco, como “levar sempre cartos por se hai que coller un taxi e outros detalles que procurar redundar na autonomía”. Insiste en que, “que deamos chaves para evitar situacións de risco non significa que a responsabilidade recaia sobre a vítima, pois a responsabilidade recae única e exclusivamente sobre o agresor”.

Abusos en menores

Outra das tarefas de prevención nas que traballa Adavas ten a ver cos abusos a menores. “Hai que lembrar que a relación entre unha cría de 12 anos e un señor de 25 anos é delito. E iso é porque unha nena de 12 anos é facilmente manipulábel. Ás veces, a sociedade esquece estas cousas”, explica.

O Consello de Europa afirma que un de cada cinco menores sufriu algún tipo de abuso sexual –leves ou graves- na súa infancia

Para evitar abusos en menores, que “son están máis presentes do que pensamos”, Ana Vicente tira de “habilidades básicas”. Os dados son alarmantes e aínda que non existen cifras que se circunscriban a Galiza, o Consello de Europa afirma que un de cada cinco menores sufriu algún tipo de abuso sexual –leves ou graves- na súa infancia. “Entre os recursos que lles fornecemos ás crianzas atópanse o recoñecemento de secretos bos e malos, porque unha persoa que comete un abuso adoita empregar cuestións como este é o noso secreto. Tamén aprendemos entre querer ben ou mal e como actuar en casos de que alguén toque baixo a súa roupa interior”, conclúe.