'Liberdade para a Palestina': estas son as mobilizacións en apoio ao pobo palestino convocadas na Galiza

Concentración a favor de Palestina en Compostela nunha imaxe de arquivo (Foto: Mardelumes).
Baixo o lema ‘Liberdade para a Palestina’, ás 20 horas terán lugar concentracións nas sete cidades galegas.

Esta segunda feira 16 de outubro as sete cidades galegas acollerán cadansúa concentración para reclamar a liberdade de Palestina ante os ataques do Estado de Israel.

Baixo o lema ‘Liberdade para a Palestina’, ás 20 horas terán lugar as seguintes concentracións:

- A Coruña: Obelisco

- Compostela: Praza do Toural

- Ferrol: Praza do concello

- Lugo: Praza Maior (diante do concello)

- Ourense: Rúa do Paseo (Subdelegación de Defensa)

- Pontevedra: Praza da Peregrina

- Vigo: Farola de Urzaiz

"Xenocidio"

“O pobo palestino está a sufrir xenocidio e limpeza étnica. Afronta, desde hai décadas, ataques contra a súa terra, a súa identidade e a súa cultura. Crimes contra a humanidade que deben ser detidos de inmediato. A maquinaria israelí de guerra e destrución viola os principios humanos máis básicos e está dirixida a civís”, indican desde as organizacións organizadoras das mobilizacións.

Máis de 6 millóns de persoas do pobo palestino “víronse na obriga de vivir durante décadas en refuxios, na diáspora e no exilio, mentres que milleiros de persoas presas, incluídas crianzas, languidecen nos centros e campamentos de detención”, agregan.