Liberdade de expresión, segundo para quen

Liberdade de expresión

As redes sociais alimentaron un novo activismo que o sistema persegue. A coñecida como lei mordaza, a reforma do Código Penal ou a Lei de Axuizamento Criminal recortaron a liberdade de expresión, mais non para todos os sectores da poboación por igual. Cóntannolo activistas en defensa dos dereitos civís no Sermos Galiza 267. Eis un extracto.

A liberdade de expresión na era dos chíos vese diminuída pola tendencia a resolver pola vía punitiva cuestións de toda natureza. A coñecida como lei mordaza –a Lei de Seguridade Cidadá aprobada en 2015 cos únicos votos a favor do Partido Popular e e con toda a oposición en contra– implicou un retroceso nos dereitos civís. Sancións económicas e declaracións perante a Audiencia Nacional son consecuencias dunha lei que recorta a liberdade de expresión, mais non en todos os sectores da poboación. Evidénciase a raíz do movemento popular a favor da independencia en Catalunya. Non se perseguen da mesma maneira as expresións incendiarias de fascistas que as opinións das persoas independentistas e mesmo das que, sen selo, defenderon a lexitimidade e participaron do referendo que tivo lugar o 1 de outubro. Nin mesmo socialmente. Á vista están as redes sociais.

 

O avogado Nemésio Barxa, cunha ampla traxectoria en defensa dos dereitos e liberdades, advírtenos non só do recorte que sofre a liberdade de expresión, senón tamén da censura, “unha censura derivada do feito de que, dependendo do que escribas, estás exposto a recibir unha sanción”. Alude, así, á lei mordaza, que “veu rematar con todo”. “Antes había que ir ao Xulgado e alí se dirimían os delitos que podían darse –agora hai máis delitos dos que había– mais agora a sanción e gobernativa e iso complica o procedemento”, explica.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 267 do semanario Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]