Galiza conta con 55 especies descritas de cabaliños do demo

Libélulas, baixo o foco dunha rede cidadá

A 'Thaumatoneura inopinata' é unha rareza, unha especie tropical que vive só nas fervenzas de Costa Rica e Panamá. (Foto: Adolfo Cordero)
Entomólogos de 13 países promoven unha rede de ciencia cidadá para coñecer o tamaño das poboacións de libélulas de todo o mundo. A comunidade científica sabe da existencia de perto de 6.000 especies, mais non conta con datos suficientes sobre as distintas poboacións para garantir a súa preservación.

A abundancia de insectos estase reducindo de forma drástica, advirte a comunidade científica. Confírmano estudos publicados nos últimos anos, referidos, sobre todo, a países onde hai máis información e probabelmente "tamén máis modificación ambiental". 

Adolfo Cordero, coordinador do grupo EcoEvo -Ecoloxía Evolutiva e da Conservación- da Universidade de Vigo, engade un matiz fundamental para os expertos. "A toma de mostras por parte de equipos de investigación que levan anos traballando no mesmo sitio alerta de tendencias de redución preocupantes. A cuestión é, isto ocorre de maneira xeral ou só nalgúns lugares? Porque mesmo podería haber poboacións que estivesen aumentando".

O coñecemento sobre a distribución e o tamaño das poboacións de moitos grupos de animais adoita ser suficiente, di Cordero a Nós Diario. "As libélulas son un grupo de insectos pequeno con perto de 6.000 especies en todo o mundo. Coñecemos ben a súa distribución pero non sabemos cantas hai". De feito, sinala, hai especies que se descobren e non se volven ver en 50 anos "sen chegar a confirmar se é porque non hai ou porque ninguén saíu buscalas, xa que tampouco temos tanta xente estudando estes animais", menos aínda nas selvas tropicais, onde "queda moito por facer".

Ciencia cidadá

Deste baleiro informativo xurdiu a idea de promover un sistema "que nos permita ter datos o máis fidedignos posíbeis de moitos lugares para estimar que pasa coas poboacións de libélulas". 

Iniciativas como esta, baseadas no voluntariado, xa funcionan con outros insectos. É o caso das bolboretas, un dos conxuntos máis atractivos para o público xunto aos escaravellos. "Son moi vistosas. Non pican, non morden e polo tanto gustan". Atraer esa atención cara a outros grupos de insectos é máis complicado, pero "as libélulas son grandes, moi coloridas e tampouco pican", aclara Adolfo Cordero, quen confía en conquistar o agarimo da xente e a súa contribución a un proxecto internacional no que Galiza estará presente a longo prazo.

"Coñecer as tendencias das poboacións de insectos require 15 anos polo menos. Datos a longo prazo, que son xusto os que non se obteñen desde os centros de investigación porque non se financian proxectos tan amplos".

Por iso a solución está na ciencia cidadá, na posta en marcha de novas recollidas onde apenas existe información e na coordinación global do estudo sistemático de libélulas que xa se dá noutros países. "A idea é comezar canto antes, determinar os lugares que van participar e harmonizar o traballo dos voluntario co fin de conseguir datos que sexan comparábeis".

Insectos de augas doces

As libélulas son insectos depredadores. "Están na cúspide das pirámides tróficas. Polo tanto, cambian en función da abundancia doutros organismos e son indicadores da saúde xeral dun sistema, da súa riqueza mais da situación xenérica dun lugar", incide Cordero. Son, ademais, insectos asociados ás augas doces, que se poden ver na contorna de ríos, charcas, lagoas e mesmo encoros.

Na Galiza contan con 55 especies citadas. "Hainas que estiveron e xa non están. Algunhas, comúns durante os anos 80, agora son difíciles de ver. Pero son oscilacións normais", apunta o profesor da Escola de Enxeñaría Forestal que comparte observacións e fotografías por todo o territorio cun grupo afeccionado dunhas 20 persoas. "Este verán descubriron nas Neves unha libélula que nunca antes se vira, propia de zonas áridas. De non existir esta xente, aparicións así pasarían desapercibidas", recalca Adolfo Cordero.