A LGTBIfobia representa xa un de cada tres delitos de odio cometidos na Galiza

(Foto: Zera Ruzgar).
As agresións, ataques ou ameazas motivadas pola orientación sexual ou identidade de xénero da vítima representan xa un de cada tres delitos de odio rexistrados na Galiza na última década: abeiran os 140 dun total de 400. Porén, e como lembran desde asociacións e organizacións que batallan contra a LGTBIfobia, os cálculos son que apenas se denuncia ante as forzas de seguridade 10% destes incidentes. 

As estatísticas do Ministerio do Interior entre 2013 e 2021 recollen algo máis de 400 delitos de odio rexistrados na Galiza, dos que aqueles relacionados coa identidade de xénero ou orientación sexual están nos 140, 33% do total, un de cada tres. A LGTBIfobia é, canda o racismo e a xenofobia, a principal motivacións das agresións ou ataques que se enmarcan como delitos de odio.

Porén, estes datos oficiais non  representan toda a gravidade do problema. "O nivel de denuncia é baixo, anda por volta de 10%" , afirma a Nós Diario Pablo Zas, do Observatorio da LGTBIfobia da Coruña. Isto é, só unha de cada dez agresións. Zas anuncia que en breve o Observatorio publicará un informe sobre este tipo de delitos na zona da Coruña e os datos son "preocupantes". Así, indica que só entre xuño e xullo do ano pasado houbo 17 incidentes de odio na área coruñesa contra persoas homosexuais ou trans. Un deles, o asasinato de Samuel Luiz, lembran.

Denunciar

Alberte Bello foi agredido e insultado en Vigo a finais do pasado mes de outubro ao berro de "maricón de merda" por levar unha pulseira coas cores do arco da vella. El si presentou denuncia, no seu caso, ante a Policía Nacional. "Sinto que todo está mudando a peor, baixo unha perspectiva de odio que se fomenta desde grupos extremos e radicais que teñen unha cobertura que non é boa, que sementan odio e violencia e que non nos van traer nada bo a esta sociedade", denuncia a Nós Diario. 

Unha impresión, a do medo, que partilla Víctor, que prefire non dar o apelido, veciño dunha localidade da Ría de Arousa e que en máis dunha ocasión ten sido obxecto de insultos por ser homosexual. "Non hai moito, á saída dun local onde estaba coa parella, uns niñatos empurráronnos e déronme unha patada ao berro de maricón de merda", lembra. Non denunciou. "Preferín deixalo correr, por non meterme en todo o lío que iso supón". Tamén fala, como Alberte, dos discursos e mensaxes de odio que cada vez están máis presentes.

Discursos de odio

Desde o Observatorio contra a LGTBIfobia advirten que "se está a normalizar o uso de discursos de odio", da man de determinadas organizacións políticas e medios de comunicación. "Hai que deixar claro que esas mensaxes son discursos de odio", insiste Pablo Zas, "como tamén hai que deixar claro que falar de dereitos LGTBi é falar de dereitos humanos".

Insiste na educación como "a ferramenta" para rematar coa LGTBIfobia e recoñece que nas xeracións máis novas veñen detectando unha "maior polarización" ao redor da cuestión da orientación sexual e identidade de xénero. "Ou están a favor ou en contra, é algo que se está a dar en todas partes, non só na Galiza", conclúe.

Actualizar a lei

A Galiza foi pioneira no Estado español ao aprobar, en 2014, a coñecida como Lei LGTB. "Mais desde 2014 até agora mudaron moitas cousas", considera Zas. "Está desactualizada e falta de contidos. Por exemplo, non ten nin un capítulo sancionador nin asignación orzamentaria", lamenta. De aí que sexa necesaria unha "actualización".

Maior compromiso da Xunta demandan o BNG e o PSdeG, que presentan na sesión plenaria que principia hoxe senllas iniciativas pedindo ao Goberno galego que se persoe nos casos de delitos por LGTBIfobia.

Manifestacións na Galiza

Varias cidades galegas acollerán hoxe manifestacións e mobilizacións co gallo do Día Internacional do Orgullo LGTBI, entre elas, A Coruña (19.30 horas, Praza de Ourense), Lugo (20 horas, Horta do Seminario) e Compostela (20 horas, Praza 8 de marzo).