A LGTBIfobia acurrala as persoas trans, migrantes e con VIH

Arelas reivindicou en Madrid unha lei trans estatal en vésperas da súa votación no Congreso.
A Asociación pola Liberdade Afectiva e Sexual da Coruña presentou o terceiro informe do Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia, un proxecto que desenvolve desde o ano 2017 co apoio do Goberno local.

"Con este informe, o primeiro que queremos facer é un exercicio de transparencia de cara á cidadanía", explica a Nós Diario Carlos Emilio Mella, vicepresidente de ALAS A Coruña, co fin de dar a coñecer o labor que desenvolve o Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia "e a que dedican os cartos dos contribuíntes".

Escoitar, atender e acompañar as vítimas de LGTBIfobia son as liñas de acción principais deste proxecto que, ademais, destina boa parte dos seus recursos a actividades formativas e de asesoramento en centros de ensino e empresas mais en materia de diversidade afectiva e sexual ou de identidade de xénero.

O confinamento obrigou a algunhas persoas a volver ao armario e a convivir cos seus agresores

"En 2020 atendemos 252 consultas de 114 persoas, 25% máis que en 2019 e 90% máis que en 2018", un incremento que Mella atribúe, tamén, á continuidade do observatorio.

A pandemia obrigou o equipo de ALAS A Coruña a readaptar os seus servizos. "A Covid obrigounos a crear servizos específicos de asesoramento educativo e de acompañamento. Dunha banda, porque o acoso escolar continúa fóra do centros educativos, e doutra, porque a pandemia avivou a soidade e moitas persoas querían falar".

Por primeira vez, o acceso de  homes, mulleres, gays, trans e heterosexuais ao Observatorio alcanzou unhas cotas de igualdade moi elevadas, asegura Carlos Emilio Mella, vía telefónica e presencial, unha alternativa que agradecen sobre todo as persoas de máis de 50 anos, para as que a web e as aplicacións poden representar unha barreira. Tamén para as persoas migrantes, esquecidas durante a pandemia.

Persoas con VIH e persoas trans pasaron a un segundo plano durante a Covid

O Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia denunciou en 2020 "48 incidentes de odio, 41 deles agresións", físicas e verbais, habituais na vía pública. "Pero tamén nas redes sociais e no fogar, xa que o confinamento obrigou a algunhas persoas a volver ao armario e a convivir cos seus agresores, coa familia que moitas veces é quen discrimina as persoas LGTBI".

Á vista dos datos de 2020, Mella reclama máis recursos en materia de saúde mental e atención sociosanitaria. Así, pide unha atención prioritaria para as persoas con VIH e persoas trans, "que pasaron a un segundo plano coa Covid, con problemas de acceso a tratamentos hormonais", ademais dunha "xestión adecuada das persoas migrantes e refuxiadas, que non reproduza os mesmos patróns de discriminación LGTBI que se dan noutros ámbitos".

A lei trans, bloqueada

De cara a 2021, Mella demanda unha lei trans integral que a pasada terza feira foi bloqueada no Congreso tras a abstención do PSOE. "Aducen incongruencias legais malia existir normas iguais en Europa e noutros territorios do Estado. "Os dereitos humanos non se negocian", advirte. Desde Arelas, Asociación de familias de menores trans, Cristina Palacios critica a posición dos socialistas "que din que recoñecer os dereitos e a autodeterminación de xénero das persoas trans pon o resto en situación de inseguridade xurídica, un argumento que no día a día ten efectos en forma de discriminación e violencia", polo que defende unha norma que conte cos colectivos trans.