Leve repunta de positivos por Covid: 426 en 24 horas

(Foto: Europa Press)

Os casos activos de coronavirus baixan en todas as áreas agás na ferrolá.

Os positivos detectados por  PCR en 24 horas na Galiza sufriron unha leve repunta até situarse nos 426 novos casos, 11 máis que os notificados un día antes. De feito, rexistráronse ascensos nas áreas sanitarias de Vigo, A Coruña-Cee, Santiago-Barbanza e Ferrol.

 

Segundo a actualización publicada na mañá desta sexta feira na web da Consellería de  Sanidade, con datos solicitados ata as 18:00 horas de onte, por volta de 25% dos novos  contaxios confirmados na Galiza continúan rexistrándose na área viguesa, con 115, seis máis que a xornada anterior.

Con todo, a área sanitaria que notificou a repunta máis importante foi Ferrol, até 19 infeccións detectadas máis, o que sitúa o total en 24 horas en 66. Tamén subiron, aínda que en menor medida, nas áreas da Coruña-Cee, a 91 (+5), e en Santiago-Barbanza, a 57 (+9).

Pola contra, a zona de Pontevedra-O Salnés, con 51 positivos diarios por  PCR, rexistra un descenso en sete tras varios días figurando como unha das primeiras áreas en número de  contaxios.

Ademais, diminuíron de maneira importante os  contaxios de covid-19 confirmados na área de Lugo-A Mariña-Monforte, que suma 31 novos casos (-17); e na de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, con tan só 15 positivos en 24 horas.

Os datos publicados por Sanidade esta sexta feira reflicten que ata o momento realizáronse en Galicia un total de 880.674 probas  PCR, o que implica que nas últimas 24 horas leváronse a cabo un total de 7.422, un descenso de 500 con respecto á xornada anterior.

Así, a taxa de positividade sobe dúas décimas con respecto ao día anterior, até o 6,4%. Deste modo, esta cifra aínda é superior ao 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Por baixo deste limiar tan só se sitúan as áreas sanitarias de Ourense (3,2%) e Santiago(4%), mentres que as restantes están por riba: Ferrol (12,7%), Pontevedra (9,1%), Vigo (7,8%), A Coruña (6%) e Lugo (6%).

En canto aos casos activos -persoas que aínda están diagnosticadas da enfermidade-, baixaron en 127 até situarse nos 8.452 pacientes con diagnóstico Covid.

Continúa á alza o cómputo de falecidos con covid-19, que se elevan a 1.179 tras as seis novas vítimas notificadas esta quinta feira -dous deles usuarios de residencias de maiores-.