Leve repunta da taxa de positividade e aumentan lixeiramente os contaxios rexistrados

Cribado masivo no Instituto Feiral de Vigo (Foto: Marta Vázquez / Europa Press).

Os casos activos continúan en descenso, pero o número de ingresados en UCI con coronavirus mantense en 146.

A presión hospitalaria mantense en descenso na Galiza, aínda que o número de ingresados con coronavirus en UCI mantense en 146. Mentres, os novos casos diagnosticados aumentan lixeiramente en tres até 216, pero os pacientes coa infección activa redúcense a 7.748.

Segundo datos actualizados pola Consellería de Sanidade, os hospitalizados con Covid-19 experimentaron unha nova baixada até os 693 -36 menos-.

Con todo, este descenso só se reflicte nos pacientes que se atopan en unidades convencionais, que pasan de sumar 583 a 547, xa que o número de persoas que se atopan en coidados intensivos mantense en 146.

Por áreas sanitarias, A Coruña e Cee rexistra 168 persoas en planta -tres menos-, pero aumentan a 48 as que se atopan en unidades de críticos -dúas máis-. Os centros hospitalarios da área de Ourense, Verín e O Barco presentan un escenario similar, xa que caen a 59 os pacientes en unidades convencionais -oito menos-, pero soben a oito os que se atopan en coidados intensivos -dous máis-.

Ademais, na área de Vigo mantéñense en 61 os ingresados en planta, pero increméntanse até 23 os que se atopan en UCI -dous máis-.

Nas unidades convencionais e a UCI de Pontevedra e O Salnés atópanse 62 -dous menos- e 17 pacientes -o mesmo número que o día anterio--, respectivamente. Mentres, en Lugo, A Mariña e Monforte os hospitalizados en unidades convencionais mantéñense en 43 e baixan a 19 os que permanecen en UCI -dous menos-.

En cambio, na área sanitaria de Ferrol descende a 12 o número de persoas en críticos -tres menos- e a 89 o das que se atopan noutras unidades -seis menos-. Finalmente, o distrito sanitario de Santiago e O Barbanza rexistra a maior baixada, xa que se reducen a 65 os hospitalizados en planta -17 menos- e a 19 os que permanecen en UCI -un menos-.

Os casos activos de coronavirus seguen en descenso e sitúanse en 7.748, o que supón 318 menos que os contabilizados até o día previo.

Os novos casos diagnosticados no último día aumentaron lixeiramente en tres até 216, dos que 189 foron confirmados mediante PCR.

Así mesmo, a taxa de positividade -porcentaxe de infeccións por test PCR realizados- incrementouse até o 4,8%, por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) marca como máximo para dar por controlada a pandemia.

Os falecidos diagnosticados con coronavirus sitúanse en 2.187, tras comunicar as autoridades sanitarias esta segunda feira a morte doutras 11 persoas, entre elas a dun home de 56 anos sen patoloxías previas.