Leve descenso dos casos activos nas residencias

Traslado dun usuario na residencia de San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Hai perto de 700 infeccións entre as e os usuarios e o persoal dos centros de maiores.

Sanidade notificou este domingo un lixeiro descenso de casos da Covid nas residencias de maiores. Así, as e os usuarios coa infección activa son 435, após rexistrar na última xornada 16 novos positivos e 21 altas.

Pola contra, faleceron dúas persoas, un home de 79 anos que procedía do centro Quercus de Leiro e unha muller de 89 da residencia de Ribadeo.

No tocante ás e os traballadores, hoxe son 243 as afectadas (dous positivos e 16 altas nas últimas horas).

As residencias cunha situación máis comprometida son a DomusVi de Carballo (75 usuarias e 29 traballadoras), a Nosa Señora do Carme de Sarria (74 e 0) e a Quercus de Leiro (51 e 20).

Centros de atención á diversidade

Por outra banda, os casos aumentaron levemente nas residencias de atención á diversidade até alcanzar os 108 (+1) entre as persoas usuarias.

A Pai Menni de Betanzos continúa como a máis afectada (62 positivos), seguida por Nosa Señora de Fátima e Cristo Rei de Crecente (40).

En canto ás e os traballadores contaxiados nestes centros, aumentan a 50 (+3) despois de tres novos positivos na residencia Pai Menni de Betanzos, que con 24 é tamén a que maior número de positivos ten entre o seu cadro de toda Galiza.