Levantada a prohibición de plantar patacas en nove concellos, pero a praga aparece en Arteixo

Explotación agraria de patacas na Limia (Xunta da Galiza)

A Consellaría de Medio Rural vén de levantar a prohibición de plantar patacas en nove concellos: Cariño, Ortigueira, Neda, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro. Con todo, a praga da couza guatemalteca apareceu en dúas parroquias de Arteixo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se levanta esta prohibición en nove municipios que deixan de estar afectados pola praga de couza guatemalteca, xa que non rexistrou ningunha captura nos dous últimos anos. Pasan a ser considerados como zona tampón.

A partir de agora permitirase plantar pataca nestes municipios, pero farase un seguimento "exhaustivo" dos cultivos por parte da Consellaría de Medio Rural. Nese sentido, estabelécese a data de 1 de abril como o prazo máximo para presentar as declaracións de plantación en todas as zonas tapón.

Prohibida a plantación en dúas parroquias de Arteixo

Ademais, a resolución do DOG declara como zonas con praga pola couza e, por tanto, pasan a ter prohibida a plantación de pataca, as parroquias de Sorrizo e Chamín, no concello de Arteixo.

As persoas agricultoras afectadas en Arteixo deberán presentar nun prazo de 20 días hábiles a contar desde hoxe, día da publicación no DOG, unha declaración das existencias de pataca almacenada para que os servizos oficiais procedan á súa retirada e destrución. Após a eliminación deste tubérculo, deberán proceder a desinsectar o chan, as paredes e o teito da zona de almacenamento.

Ademais, pasan a considerarse como zonas tampón as parroquias lindeiras de Barrañán e Armentón, en Arteixo.

Concellos afectados

Segundo a información publicada este por Medio Rural, a praga afeca os seguintes concellos: Mañón, Muxía, Narón, San Sadurniño, Valdoviño, Arteixo (parroquias de Sorrizo e Chamín), A Laracha (parroquias de Lendo e Caión), Carballo, Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Mondoñedo, Trabada, O Vicedo, Viveiro e Xove.