Levan á xustiza o "incumprimento do dereito de greve" no paro de urxencias do CHUS

CHUS

A Comisión de Centro de atención especializada do Hospital Clínico denuncia o incumprimento dos servizos mínimos os tres primeiros días de greve en Urxencias deste centro hospitalario. “Todo o servizo estaba de servizos mínimos”, afirman, o que consideran que é unha “constatación da carencia de persoal, dado que  ningún traballador poder facer efectivo o dereito a folga”, sinalan.

 

A pesares de todo isto a Xerencia do Hospital Clínico de Santiago reforzou o servizo de urxencias con presencias a maiores “incumprindo o decreto de greve”, denuncian. A Comisión de Centro anuncia que vai denunciar xudicialmente este feito.

 

Esta segunda feira comezou a greve indefinida en Urxencias do CHUS, un paro que se desenvolveu até as oito da quinta feira, nunha dinámica a reproducir nas seguintes semanas.  A greve abrangue a todas as categorías profesionais: medicos; enfermeiros; TCAEs e celadores. O Sergas decretou uns servizos mínimos de 100%. O paro conta co apoio da Asociación de pacientes e usuarios do CHUS.

 

Entre as demandas do persoal, a elaboración do plan funcional negociado coa Comisión de Centro e acordado co equipo multidisciplinar , a dotación de suficiente de persoal en todos os colectivos, a reposición do material deteriorado, obsoleto e/ou descatalogado e dotación de material necesario en cada posto , ou a cobertura do 100% das ausencias dos traballadores.