Levan ante a Fiscalía a contaminación das canteiras de Budiño

Canteiras (Foto: Ecoloxistas en Acción)

Ecoloxistas en Acción insta A Fiscalía Xeral do Estado e á Fiscalía do Medio Ambiente a abrir dilixencias de investigación penal por un presunto delito contra o medio ambiente e os recursos naturais en relación ás verteduras que afectan á Rede Natura, ZEC Gándaras de Budiño.

Ecoloxistas en Acción lembra que denunciou con anterioridade que a Consellaría de Economía  concedera autorización de explotación e do plan de restauración de varias explotacións mineiras en Budiño “sen a necesaria avaliación de impacto ambiental cando as explotacións autorizadas por esta Consellaría causan prexuízos de imposible ou difícil reparación ao río Louro, ao barrio Eidos-Vitureira  e ás Gándaras de Budiño, espazo protexido pola Rede Natura 2000”.

Ademáis, a organización ambientalista resalta que o feito de que as explotacións "Eidos nº 2342.2", «Forna» Nº 2342 e "Benedicta 1544" levaran tempo funcionando “non exime da realización dun Informe sobre as Repercusións do proxecto de explotación e do plan de restauración sobre a Rede Natura”.

Ecoloxistas en Acción sinala que ante a posibilidade de que os baleirados das balsas, as lixiviacións e as escorrentías puideran afectar á calidade das augas dos regos que verte no río Louro e coa finalidade de evitar afeccións á Rede Natura, débese realizar non só unha Avaliación de Impacto Ambiental ordinaria, senón tamén informar sobre das Repercusións dos proxectos sobre a Rede Natura.

A organización ecoloxista enuncia que o órgano ambiental competente “obvia a avaliación de impacto ambiental ordinaria” e mesmo “fragmenta os tres proxectos para eludir a avaliación integral dos seus impactos desde unha perspectiva ecosistémica”.