Sobriño do golpista Milans del Bosch

Un dos letrados da acusación contra os militantes do BNG foi xulgado por participar nun ataque ultradereitista

Santiago Milans del Bosch [Foto: Milansabogados.com]

Ex militante da organización xuvenil de Fuerza Nova, Santiago Milans del Bosch viuse envolvido en episodios de violencia contra persoas de esquerda durante a súa mocidade. Nos anos 80 chegou a ser xulgado pola súa implicación no asalto a un bar -El Largo Adiós- de Valladolid, nunha acción que se saldou cun ferido de bala. Acaba de asumir tamén a defensa do ex ministro e ex presidente da Generalitat valenciá, Eduardo Zaplana.

Santiago Milans del Bosch (Madrid, 1960) é un dous letrados -o outro é o avogado colexiado en León Ignacio de la Huerga Varela-  da acusación contra os 19 militantes nacionalistas galegos que protagonizaron unha acción simbólica no Pazo de Meirás en agosto de 2017. Os familiares do ditador e a Fundación Francisco Franco atribúenlles a comisión de 4 delitos, e pídenlles penas que sumarían até 247 anos de prisión e multas por un valor estimado de medio millón de euros.

 

Antes de abrir un bufete como avogado, Milans del Bosch foi xuíz e, imediatamente antes de o ser, viuse envolvido en accións violentas da ultradereita contra activistas da esquerda. Sobriño dun dos cabecillas do golpe de estado de 1981, foi xulgado pola súa participación no asalto a un bar de Valladolid -"El Largo Adiós"- propiedade dun esquerdista local. O ataque produciuse a 6 de xaneiro de 1981, nas vésperas do golpe de estado coprotagonizado polo seu tío, o capitán xeneral Jaime Milans del Bosch. Houbo disparos de bala contra a clientela de "El Largo Adiós" e foi ferido de gravidade con dous impactos Jorge Simón Escribano, que ficou con secuelas de por vida. 

 

Milans del Bosch -no momento do asalto tiña 21 anos- foi finalmente absolvido -a 11 de outubro de 1985- após ser acusado de tenza ilícita de armas porque a Audiencia Nacional estimou que a súa colaboración na preparación do atentado -el en ningún momento estivo presente na escena do tiroteo- foi exclusivamente movida por "sentimentos de fraternidade cara ao seu irmán Alfonso, polo que hai motivos para o excluír de responsabilidade". 

 

O sobriño do golpista non era un perfeito descoñecido para a policía: precedíano os seus antecedentes "por agresións de palabra e obra a persoas doutra ideoloxía política, así como por alteracións da orde pública", segundo se consignaba na súa sentenza absolutoria.

 

A querela contra os 19 militantes do BNG

 

En declaracións de testemuñas realizadas perante a Garda Civil en decembro de 2017, Milans del Bosch comparece como letrado da acusación -familiares do ditador e a Fundación Francisco Franco- na compaña de Ignacio de la Huerga Varela. Porén, o texto da querela contra os 19 militantes do BNG -rexistada perante o xulgado de Betanzos a 9 de outubro de 2017- vén asinado só por De la Huerga Varela e polo procurador Domingo Rodríguez Siaba.

 

Recentemente, a figura de Santiago Milans del Bosch voltou a cobrar actualidade ao aceitar a defensa do ex ministro e ex presidente da Generalitat valenciá Eduardo Zaplana, quen enfrenta cargos por branqueamento de capitais e suborno.