Leticia Santos, alcaldesa de Moaña: "Non é normal que dous médicos teñan que aguantar os servizos de cinco, iso é insostíbel"

A alcaldesa nacionalista Leticia Santos. (Foto: Nós Diario).

A veciñanza de Moaña cumpre este domingo 180 semanas de protestas continuadas en defensa da sanidade no municipio. 'Nós Diario' conversa coa alcaldesa da localidade, Leticia Santos, sobre esta mobilización.

—A veciñanza de Moaña volverá exixir este domingo unha sanidade de calidade.
Levamos 180 semanas mobilizándonos. Inicialmente as protestas comezaron reclamando a volta das urxencias a Moaña, que levan en Cangas desde o confinamento da Covid. Pasaron cinco anos desde que están no concello veciño de Cangas. Trasladaron a nosa unidade de PAC para alí e nunca máis non a devolveron.

Tamén outra das reclamacións que temos desde hai máis de tres anos, cando empezamos a mobilizarnos semanalmente, era a recuperación dos médicos na quenda de tarde, xa que naquel momento había catro prazas de médicos de tarde e quedaron dúas vacantes por un concurso de traslados, e o Sergas tardou en cubrir esas vacantes durante moito tempo.

E a terceira cuestión foi o reforzo da ambulancia para O Morrazo, que comezou a traballar o 1 de abril. E os médicos de tarde, non é que haxa catro prazas agora na quenda de tarde, senón que creou unha máis porque tiñan que liberar de cupo algúns médicos dos que tiñan xa pola mañá.

Pois desas cinco prazas na actualidade hai catro cubertas, en teoría, pero dúas delas están con baixas de longa duración e non se están substituíndo. Ademais, nas prazas que o Sergas considerou de difícil cobertura, vamos a poñelo entre comiñas porque poderían ser cubertas e atractivas para que os médicos viñesen a prestar o servizo de tarde a Moaña, hai algúns días que os médicos deslizan xornada á mañá. É dicir, que aínda que teñas médico en quenda de tarde, o teu médico dous días a semana atende en horario de mañá, como norma xeral.

—Denuncian que moita xente fica sen asistencia médica.
Das cinco prazas, unha está vacante, e dúas están de baixa de longa duración, polo na realidade solo hai dous médicos na quenda de tarde, cando debería haber cinco. E a realidade é que, cando algún destes médicos teña súa xornada en vez de pola tarde de mañá, porque está así estabelecido e é algo normal, pois pola tarde queda un só médico.

Se ese médico ten baixa por calquera cousa, ou ten o día libre por calquera circunstancia, pola que pode ter dereito, evidentemente, como profesional, como traballador, pois entón é que queda o centro sen ningún médico. A realidade é que agora mesmo hai persoas que, como teñan o seu médico con baixas de longa duración que non se están substituíndo, están sen médico todos os días.

É dicir, se necesitan renovar unha recepta, se necesitan que lle vexan por calquera cuestión ou que lle atendan, derívante ao PAC a Cangas. Claro, porque nós non temos PAC en Moaña. Entón, iso xera unha indefensión para as persoas que agora mesmo cuxos médicos están nun proceso de incapacidade ou que sexa, e é un problema importante.

—A situación obriga a desprazarse ao PAC.
Só están dous médicos para atender o que deberían estar cinco, o que xera que estes facultativos estean completamente sobrepasados. Entón, calquera circunstancia que se saía do seu cupo, téñena que derivar ao PAC, por iso a xente que non ten agora mesmo os seus médicos operativos, automaticamente teñen que ir ás urxencias a Cangas, para cousas que, ap mellor, non son urxencias, e que se poderían programar e atender se os Sergas organizase debidamente o servicio. Esa é a realidade.

Entón, no Concello de Moaña temos unha mesa local da sanidade que está participada por todos os grupos políticos da Corporación, está participada tamén pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, e tamén por asociacións veciñais e pola Asociación de Mulleres de Moaña. Entón, nesa mesa facemos propostas e levamos mantendo unha loita pola volta das urxencias e a cobertura de todas as vacantes e das ausencias, porque para nós unha baixa de longa duración é asimilábel a unha vacante, tense que cubrir.

Neste sentido, a área sanitaria de Vigo, o Sergas e a Consellaría de Sanidade, e en última instancia, a Xunta da Galiza, non está dando a cobertura sanitaria que lle debe dar a unha vila como Moaña. Estannos negando dereitos á veciñanza de Moaña e é algo que non imos a tragar nin desde o Consello, nin desde o Goberno municipal, evidentemente, mais tampouco a veciñanza.

—Onde se mobilizan este domingo?
Este domingo, ás 11.30 horas, teremos novamente, como todas as semanas, unha concentración diante da Casa do Mar para reclamar a volta das urxencias e a cobertura de todas as ausencias e vacantes que hai no persoal médico do Centro de Saúde de Moaña. Parécenos unha actitude neglixente por parte da Xunta da Galiza non dar a unha vila de case 20.000 habitantes os servizos sanitarios que lle corresponden por catálogo.

Temos claro de que lado temos que estar e é do da defensa da sanidade pública e da defensa das profesionais e dos profesionais da sanidade pública. Non é normal que dúas persoas teñan que aguantar os servizos de cinco. Iso é insostíbel.

Iso pódese facer un día por unha circunstancia excepcional, até unha semana. Mais estamos en abril e xa estamos con estas cadencias. Que vai pasar no verán cando os médicos e as médicas teñan o dereito de coller os seus períodos vacacionais?

Non é falta de previsión, cremos que se está restando medios á sanidade pública para favorecer que a xente se faga seguros privados. E iso é unha realidade que está de manifesto. Os seguros privados na Galiza non deixaron de medrar nos últimos dez anos. E ten que ver con isto, con que incluso na atención primaria xa non tes citas, non cha dan.

Se non tes médico, non che dan cita. É unha situación moi difícil para as persoas que van ao médico porque necesitan ir ao médico. Ninguén vai ao médico se non o necesita. E nese sentido queremos denunciar esta situación.

—Déronse casos nos que non había ningún médico pola tarde. Que opinión lle merece que desde a Consellaría digan que é unha circunstancia puntual?
Iso non é certo. Iso non é certo. Non é unha circunstancia puntual. Leva acontecendo desde que estes dous médicos están de baixa de longa duración. E de todas maneiras tampouco podes dicir que é unha circunstancia puntual cando sabes que se trata dun servizo onde tiña que haber cinco médicos e algunhas tardes queda un médico, outras quedan dous, e ás veces ningún. Máis de dous nunca hai porque non están cubrindo esas ausencias. Nin a vacante cobren, nin a quinta praza que está vacante. Entón non é así como di a Consellaría.

—Mantiveron algún contacto durante os últimos cinco anos coa Consellaría?
Si, claro. Non é que mantivésemos algún contacto, é que mantivemos reunións, insistimos na necesidade de volta do PAC, da cobertura das ausencias, das vacantes. Insistimos moito en que esta situación pode solucionarse. Cada administración debe atender o que é da súa competencia. Neste caso, entendo que é competencia exclusiva da Xunta da Galiza fornecer a poboación de Moaña da atención sanitaria que precisa, e que a propia Xunta da Galiza ten catalogada o que necesita, porque que é unha cuestión dos ratios, os servizos e o número de profesionais que require o noso centro de saúde, non é un invento da veciñanza de Moaña, e exiximos que se cubran esas ausencias inmediatamente. E que volvan as urxencias a Moaña. Son moitas semanas de mobilizacións continuas.

—Manteñen a forza tras tantas semanas?
En Moaña cumpriremos 180 semanas coa veciñanza ás portas da Casa do Mar para reclamar a volta das ausencias. Creo que non hai nada igual en todo o país. A forza da xente defendendo o seu dereito unha sanidade pública digna e de calidade, creo que merece moito respecto, o primeiro. E segue moi viva a protesta, porque efectivamente, dámonos de conta de que se non chegamos a estar aí semana tras semana, pois posibelmente non teríamos médicos ningún médico na quenda de tarde.

Posibelmente, tampouco teríamos esa ambulancia de reforzo que levábamos reclamando tanto tempo e que non chegou até agora. Cremos, estamos convencidas de que habemos de conseguir que as urxencias volvan a Moaña. Porque é o que ten que ser.

Entón, todo o meu respecto e todo o meu apoio á veciñanza de Moaña, que segue 180 semanas despois reclamando e non calando ante unha perda de dereitos, a que parece que nos queren someter aos moañeses e ás moañesas. É algo tamén xeneralizado no resto do país, mais non por iso imos deixar que incumpran coas súas obrigas e cos nosos dereitos. Entón, aí estaremos.