Sindicatos, partidos políticos e outras organizacións claman contra un coloquio de Leopoldo López en Vigo

Leopoldo López, en primeiro plano, xunto a Juan Guaidó. (Foto: Europa Press)
O dirixente venezolano visitará a cidade olívica a vindeira segunda feira.

"Quérennos mortos. Leopoldo López e Lilian Tintori, dez anos de loita pola libertad en Venezuela". Ese é o título co que se presenta o coloquio que protagonizarán a vindeira segunda feira, 23 de outubro, o político venezolano Leopoldo López Mendoza e mais a súa parella, Lilian Tintori, en Vigo. Será no marco do ciclo de conferencias que organiza o Club Faro do xornal Faro de Vigo, un convite que non gustou á Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez (Agabo) e outras doce organizacións, entre elas a CIG, Esquerda Unida ou Podemos.

"O Club Faro de Vigo, financiado polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, trae de visita o dirixente de extrema dereita venezolano Leopoldo López. Preséntano coma un heroe e dolosamente ocultan os mortos e feridos que se produciron nos enfrontamentos moi violentos, coñecidos en Venezuela como guarimbas, promovidos por este personaxe e executados polos seus partidarios. Foi unha onda de violencia que só nuns meses deixou 43 venezolanos mortos e máis de 800 feridos, resultado da frustración da dereita ao ter sido derrotada polo chavismo pola vía electoral", censuran, a través dun comunicado.

Os seguidores de Leopoldo López, aseguran as entidades asinantes, "sinalaban perigosamente nas redes sociais persoas acusadas de ser chavistas con fotos e datos persoais, converténdoos en dianas, e, no punto álxido da súa violencia, queimaron vivo un repartidor negro que estaba de paso por ser sospeitoso de chavista".

López, lembran, foi condenado polas autoridades xudiciais de Venezuela polos delitos de instigación pública, danos á propiedade, incendio e asociación para delinquir, a trece anos de prisión. Finalmente cumpriu menos de tres, "acabando por fuxir ao arresto domiciliario e sendo acollido no Estado español, polo que é un prófugo da xustiza venezolana", denuncian.

O seu pai, Leopoldo López Gil, é desde 2019 eurodeputado dun Partido Popular, aseguran, "que lle concedeu a 'nacionalidade exprés' para que defendese o seu fillo no Parlamento Europeo". E a nai, Antonieta Mendoza, "descende dunha das familias máis ricas de Caracas, que forman parte dunha elite coñecida como 'Los amos del Valle'", afirman.

"Durante o século XX, os Mendoza amasaron unha inmensa fortuna da man dos gobernos corruptos de Venezuela. Forman parte dunha clase social de comisionistas que parasitou durante case un século o Estado venezolano acumulando riquezas persoais e condenando boa parte da poboación á fame, a miseria e o analfabetismo. Non é de estrañar que estas familias non acepten o chavismo, afeitos como están a conseguir dos sucesivos gobernos o mellor para os seus petos", engaden.

Tamén apuntan que Leopoldo López "na actualidade está a residir no barrio de Salamanca de Madrid, nunha vivenda que ten un prezo de alugueiro de 10.000 euros mensuais". "A estas xentes sempre lles sobraron as clases humildes que mantiñan lonxe das súas urbanizacións", proseguen.

Por todo iso, rexeitan o que consideran "promoción propagandística e falseada do ultradereitista" Leopoldo López e reivindican a memoria "das vítimas dos seus actos". "Estamos coas persoas que nestes últimos 23 anos, en Venezuela, accederon á escola, a vivenda e a sanidade, con aqueles que puideron dignificar a súa vida", conclúe o texto, que asinan Agabo, CIG, CUT, Esquerda Unida, Frente Popular Galega, Mar de Lumes, Movemento Arredista, Partido Comunista de Galicia, Partido Comunista do Povo Galego, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galicia, Asemblea Republicana de Vigo e Asociación Galego Cubana Francisco Villamil.