Lentille: a aldea do Ribeiro que combate invasión da acacia para recuperar a súa biodiversidade

A acacia esténdese por Galiza e  norte de Portugal favorecida por factores como os incendios forestais, o abandono do rural ou atopar aquí condicións climáticas semellantes ás do seu país de orixe, Australia.

O sábado 23 de febreiro o monte na aldea de Lentille, concello de Cenlle (Ribeiro) acollará unha nova acción das brigadas deseucaliptizadoras. Desta volta, a súa acción centrarase na mimosa (Acacia dealbata), unha planta invasora que se estende por esta comarca así como tamén por outras de Galiza.

 

Nesta roga continuaranse os traballos iniciados no mes de maio de 2018 nunha zona que levaba en estado de abandono desde a década de 1970. Os actuais propietarios pretenden recuperar os valores naturais da mesma así como as canles e pozos de rego antigos coa súa biodiversidade asociada. A intervención manual terá como obxectivo eliminar os pés de acacia mantendo as árbores autóctonas que conseguiron sobrevivir (carballos, érbedos, etc.).

 

As mimosas (Acacia dealbata) caracterízanse pola súa capacidade invasiva. A súa expansión constitúe un problema serio en determinadas comarcas de Galiza e do Norte de Portugal, cunha estensión axudadaen boa medida pola proliferación de lumes. Esta especie atopou nestas áreas do seu noroeste ibérico unhas condicións climáticas óptimas, como no seu país de orixe, Australia.

 

“O proceso de invasión está favorecido principalmente por perturbacións ambientais. Non en tanto, detectamos que esta especie está invadindo comunidades vexetais inalteradas ata o de agora”, explicaba en 2017 á Axencia Sinc Jonathan Rodríguez -recollida por Gciencia-, investigador da Universidade deVigo e coautor dun estudo científico sobre esta especie..

 

As Brigadas Deseucaliptizadoras naceron en abril do ano pasado cunha idea clara: “Chegou a hora de dicir “basta” e botarse ao monte para tomalo e transformalo”. As Brigadas defínense a elas propias como “una iniciativa de voluntariado ambiental para recuperar a biodiversidade e combater a eucaliptización de Galiza”. Impulsadas desde Verdegaia, están abertas a que se sumen outras persoas e coletivos.