Máis

Lendas e natureza agochadas no Pindo. Un patrimonio paisaxístico á espera de maior protección

Castelo de San Xurxo no Monte Pindo. (Foto: Noel Feáns)
O monte Pindo, localizado na súa maior parte en Carnota (comarca de Muros), constitúe un espazo paisaxístico de gran valor para a contorna, é fogar de máis de 625 especies de flora, fauna e fungos e está impregnado de lendas e historia. A asociación Monte Pindo Parque Natural leva anos loitando para que se recoñeza, precisamente, como Parque Natural.

Entre Cee e Dumbría (comarca de Fisterra), Carnota (comarca de Muros), Mazaricos (Xallas) e as rías de Corcubión e de Muros e Noia álzase o monte Pindo. Unha paraxe que mestura natureza, rocas, montañas e mar e que forma parte do Espazo Natural monte Pindo, amparado pola Rede Natura 2000, unha rede ecolóxica europea de áreas de conservación da biodiversidade. Unha protección que a asociación Monte Pindo Parque Natural considera insuficiente. Tanto é así que, como asegura a Nós Diario Mario Maceiras,  secretario da organización, "na redacción dos valores do monte Pindo que motivan a súa protección na Rede Natura non se reflicten nin a terceira parte dos valores detectados". Maceiras salienta a ausencia dun estudo completo sobre a importancia do espazo.

Por iso levan loitando desde o ano 2010 -e tras o rexeitamento por parte da Xunta da Galiza da proposta impulsada pola asociación ecoloxista Adega para este fin- loitando co apoio de 222 entidades para que se lle conceda a denominación de Parque Natural a un espazo cheo de lendas, de historia e de monumentos paisaxísticos. 
Son moitos os mitos ligados a este lugar. Tantos que non se consegue chegar a acordo sobre se este monumento natural alberga os espíritos dos druídas e heroes celtas ou son os guerreiros da raíña Lupa que, contan, se atopa sepultada baixo A Moa. No plano histórico, o Castelo de San Xurxo formou parte da rede de castelos costeiros erixidos para defenderse dos viquingos. Uns viquingos que se cree que contaban cun estaleiro na zona do Ézaro para a reparación das súas naves.

Son moitos os misterios que esconden estas pedras. Mesmo se di que un dos cumes das montañas, coñecido como 'Casa da Xoana', servía como crematorio dos falecidos do lugar. Malia todo, os mitos relacionados coa saúde semellan ser os máis arraigados. Desde invocacións á fertilidade na cama de pedra da cima do Pico Peñafiel até rituais de curación nos que se debuxaba a silueta dos corpos das persoas enfermas sobre laxes de herba. A pesar do máxico destas historias, esta emblemática paisaxe si foi provedora de protección. Polo menos para os refuxiados da represión franquista que empregaron as covas coñecidas como 'As furnas' para esconderse durante a guerra.

A orixe de todas estas lendas explícase porque o monte Pindo é o lugar da Galiza onde se pode localizar o maior número de formas antropomorfas. Ou, o que é o mesmo, é o espazo que permite observar o maior número de “formas” semellantes a figuras humanas. Orixe de inspiración, o "Olimpo dos deuses", como tamén se coñece o lugar, foi un dos espazos retratados pola fotógrafa Ruth Matilda Anderson nas súas viaxes á Galiza. 

Este entorno natural conta tamén cunha ampla diversidade en especies de fauna e flora. Lobos ibéricos, gatos monteses, londras ou falcóns peregrinos acompañarán os paseos de quen se achegue até aquí. Entre estes animais, agóchanse unha ampla variedade de flores e plantas de elevado valor natural. Algunhas delas, como o 'Arpexo de Sol' ou o 'Fento de auga', incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas.

En total o catálogo sobre o monte Pindo, promovido pola asociación Monte Pindo Parque Natural, ten catalogadas até 625 especies diferentes entre flora, fauna e fungos. E, de feito, algunhas destas especies resultan exclusivas deste entorno, o que se ve facilitado pola ausencia de poboacións próximas.

Entre as formacións rochosas que compoñen este complexo paisaxístico, destacan espazos como o Pico Peñafiel ou A Moa, considerada un resto da superficie fundamental da Galiza, o que implicaría que a súa formación sucedeu hai máis de 60 millóns de anos.

As persoas que se aventuren a coñecer dunha forma máis próxima o monte Pindo contan con varias rutas que permiten pasear por esta paisaxe. A ruta Pegadas da historia é unha das máis sinxelas para ascender a A Moa sendo este un dos poucos lugares desde os que se pode observar, durante dous meses ao ano, o último solpor da Europa continental.

Outra alternativa é a ruta que leva á fervenza do Ézaro, única de Europa que desenvorca directamente no mar. Un salto de decenas de metros que se produce ante a incapacidade do río Xallas de sucar o suficiente as rochas dun macizo tan duro como o monte Pindo. 

Protección para o monte

Para a asociación Monte Pindo Parque Natural, a reivindicación da consideración de Parque Natural segue “máis viva que nunca”. Unha reclama que non vén só da necesidade de pór en valor este espazo, senón que é das únicas figura de valor legal que, como explican desde a asociación, “implica un investimento de valor fixo e a dotación de plans de ordenación de recursos naturais”. Chegando a afirmar que “as outras figuras están moi ben no papel, pero fóra diso non hai intención de investigar os valores nin protexer o entorno do monte”. Non así a consideración de Parque Natural, que, como explica Mario Maceiras, conta co seu “equipo directivo e de persoal dedicado a coidar e mellorar o espazo, así como con organismos de reitores".

Cando en 2013 o monte comezou a arder, a asociación levaba meses advertindo de que isto podía suceder porque, como aseguran, “cada oito ou dez anos arde” o que, precisamente 10 anos despois deses lumes, implica certa preocupación no ambiente. Como o propio Maceiras sinala “o triste é que o Pindo segue exactamente cos mesmos perigos que desde o principio”, con especies invasoras como o eucalipto ou a paraserianthes lophantha.

A asociación critica que desde o Goberno bipartito na Xunta da Galiza (2005-2009) non se producira ningunha “actuación con previsión e programación” para a defensa do Pindo sen mediar a “presión social”. Indo aínda máis lonxe, Maceiras destaca as trabas impostas ás accións de voluntariado, chegando a prohibir levar a cabo calquera tipo de actuación no monte. Malia o valor do entorno, nesta busca de recoñecemento nunca se conseguiu a aprobación da proposta en sede parlamentaria. Algo que Mario Maceiras asegura que non sucederá “até que se produza un cambio de Goberno”. Porén, considera que cun “cambio de sensibilidade é posíbel que o monte Pindo consiga a ansiada protección que merece”.