Ás 17.30 horas no Parque de Bonaval

GZ Nova homenaxeará Rosalía e Castelao na véspera do Día da Patria

Galiza Nova presentou o acto de homenaxe da mocidade a Rosalía de Castro e Castelao. Este acto forma parte das homenaxes habituais do día 24 de xullo, no Parque de Bonaval de Santiago de Compostela. Esta edición contará con concerto da banda Nao. Vídeo: Irene Pin

Os actos da véspera do Día da Patría continúan a agromar, co obxectivo de festexar o día lembrando ás figuras que loitaron pola cultura e identidade galegas. Os membros de Galiza Nova presentaron esta mañá o acto que terá o respaldo do Bloque Nacionalista Galego. Rubén Cela estivo presente no anunciamento do cartel, no cal se inclúen as intervencións de Ana Pontón, voceira nacional do BNG, e de Lucía Veciño, responsábel nacional da asemblea de mulleres de Galiza Nova. A xornada contará coa actuación da banda de rock Nao.

“É un acto que Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, organiza todos os 24 de xullo"

Alberte Mera, secretario xeral de Galiza Nova, foi o encargado de descubrir o cartel da homenaxe, que se atopa a piques de cumprir dúas décadas de historia. “Con este acto queremos lembrar a dúas persoas, dous símbolos: Rosalía e Castelao”, afirmou Mera quen indicou a importancia actual de ambos referentes da cultura galega: “A vixencia do seu pensamento e das súas denuncias segue máis de actualidade que nunca”, refiríndose aos problemas dos galegos emigrados nos últimos anos. Alberte Mera quixo lembrar, ademais, a bagaxe e o percorrido do evento: “É un acto que Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, organiza todos os 24 de xullo e no que ten participado xente da cultura como Isabel Risco ou César Cambeiro e músicos coma SÉS ou Bieito Romero, de Luar na Lubre”. Por último, refiriuse a Nao como unha “banda de rock galego que está arrasando coas súas posturas reivindicativas de compromiso co país”.

“Para Nao é un orgullo participar nos actos que hai durante o 24 e o 25 de xullo"

A propia banda estivo presente no anunciamento. O vogalista, Jasper, acodiu á presentación “Para Nao é un orgullo participar nos actos que hai durante o 24 e o 25 de xullo. É unha reivindicación que levamos no ADN da banda.”