Lémbranlle á Xunta que con medios e condicións precarias non se pode loitar adecuadamente contra os lumes

O goberno galego prevé recucir os lumes forestais nun 8% nesta campaña. Os axentes medioambientais recórdanlle que carecen de medios, de material e que están nunhas condicións laborais precarias.

Ás portas dunha nova campaña de incendios a Xunta anunciou que este ano prevé reducir nun 8,4% os incendios forestais en Galiza, o que indica que os lumes non sobrepasarían os 678. No 2015 houbo 740, que arrasaron 11.802 hectáreas. O goberno galego anunciou que haberá 7.000 efectivos nos montes galegos nestes meses, reforzados con 360 motobombas e 30 medios aéreos para facer fronte ao lume. Preguntamos a un representante dos axentes medio-ambientais (un colectivo de 550 persoas, das cales 350 teñen entre as súas funcións as cuestións relativas aos incendios) sobre estas previsións da Xunta para a presente campaña.

José M. Couselo afirma que eles son os primeiros interesados en que descenda o número de incendios forestais. Mais isto, que se reducan os lumes, non sucede por arte de maxia. “Véxoo complicado”, manifesta a respeito das previsións que fai a Xunta para este ano. Por que? Pois polas condicións nas que desenvolven o seu traballo. Couselo explica que levan tempo demandando que se lles dote dos medios técnicos necesarios e que se renove o material. Ao que engade a necesidade de que se atendan algunhs reivindicacións históricas do colectivo. “Os axentes forestais somos os que temos máis responsabilidade na actuación nun incendio mais mantéñennos no nivel 14, dos máis baixos”, di.

Responsabilidade

Esta última non é unha cuestión menor, explica Couselo. Teñen que coordinar todos os efectivos presentes (dependentes de difefrentes corpos e servizos), trazar unha estratexia para atacar o lume, velar pola seguridade e saúde de todo o operativo... Un nivel de responsabilidade máximo. Ao que se engaden as quendas de traballo.

Os axentes piden que se varíe o acordo de condicións de traballo, aprobado en 2004 e que caducou en 2007, porque aí fíxanse unhs horarios e quendas en campaña que consideran que non son acaídos: “Doce horas, cando tes que enfrontarte a un incendio, son moitas horas tanto física como psicoloxicamente”. E, engade, non fan só 12 horas.

A isto engaden as responsabilidades que teñen noutros campos, desde a investigación sobre os lumes, trámites administrativos ou mesmo charlas didácticas polos colexios. Entede que sería necesario unha especialización para que o axente medioambiental non teña que facer fronte a todo.