Leitura pública en latín, grego e galego contra a desaparición de estudos inúteis... para o mercado

Protesto en Filoloxía [Imaxe: Comités]

O estudantado galego rexeita o varrido de graos que non xunten un mínimo de 50 matriculacións anuais, a escusa da consellaría de Educación para suprimir Filoloxía galega e Clásicas


Unha leitura de textos en galego, en latín e en grego servirá como mostra pública de que o estudantado rexeita ser considerado coma un número. Aliás, demostrará tamén que sofran as razóns para aprender estas tres linguas e a cultura que as rodea.

Organizado pola asociación estudantil Comités, o acto segue a liña dos realizados en contra da perda de horas lectivas da materia de filosofía e desta volta ten como obxectivo mostrar o desacordo do alumnado de Filoloxía galega e de Clásicas co decreto estabelecido pola consellaría de Educación en virtude do cal todas as titulacións que non xunten un mínimo de 50 matriculad@s por ano están condenadas a desaparecer. 

Así as cousas, o departamento que dirixe Jesús Vázquez baralla como posibilidade implantar a semipresencialidade ou a docencia virtual para aqueles graos que son superen @s 50 alumn@s. Segundo denuncian os Comités, a medida traduciríase nunha merma da calidade educativa "imprescindíbel para que o estudantado acade a formación necesaria". 

Aliás, denuncian que os graos que se verían afectados por esta decisión son "casualmente ou non" aqueles que están no albo do Goberno galego e que "non parecen interesantes nin rendíbeis" no mercado laboral, o mesmo que acontece coa filosofía. Un deles, o grao en Lingua e Literatura galegas, suporá "máis unha aldraxe" á lingua e á cultura propias do País. 

Por todo isto, o estudantado de Filoloxía e de Clásicas chama á mobilización en todas as facultades, deixando claro que os plans de Educación "non son un problema nunha titulación puntual" senón que teñen un alcance moito maior. O acto reivindicativo está marcado para esta terza feira, día 23, na praza do Pan (de Cervantes) en Compostela. Dará comezo ás 19.30h e nel colaboran a Libraría Couceiro e a Sociedade española de estudos clásicos.