"Leite Noso quere ser competitivo no prezo mais non vai contribuír a banalizar o leite"

[Imaxe Deleite]

Trinta explotacións recuperaron as marcas Deleite e Muuu que envasan na antiga planta de Pascual en Outeiro de Rei.

Constituíronse como Sociedade Limitada, baixo o nome Leite Noso, e poxaron polas marcas Deleite e Muuu, xurdidas da experiencia de Alimentos Lácteos. Finalmente fixéronse con elas e comezaron a comercializar en maio de 2016 baixo o lema "100% noso". 

As explotacións asinan un contrato anual

"O número de socios é na actualidade de trinta e a vontade é ampliar o capital dando entrada a outras gandeiros coa saída ao mercado estatal e co lanzamento de produtos distintos do leite líquido", sinalan en declaracións a Sermos Galiza

Produtos

Até o momento producen leite enteiro, semidesnatado e desnatado mais "nun prazo de dous meses, aproximadamente, sairán as sen lactosa, nas tres variantes", explican. "A intención é incorporar outros produtos de valor engadido antes de finais de ano e, se se cumpren as expectativas, comercializar no resto do Estado", acrecentan. 

En próximas datas poderá atoparse no comercio tradicional e tamén na hostelaría

O prezo en orixe ás explotacións que surten de materia prima Leite Noso é de "28,50 máis calidades e máis primas". "Os prezos estarán sempre dentro dos máis altos do mercado", sinalan desde Leite Noso ao tempo que aseguran que "incorpora dous pactos que o melloran". Dunha banda, "o contrato é anual" polo que "o gandeiro sabe dende o inicio do mes o que vai gañar e pode facer previsión de inversións" e, doutra, "garántese toda a recollida ao mesmo prezo". Neste senso, perante a crise que atinxe o sector é unha realidade que xera seguridade para as explotacións. "Leite Noso quere ser competitivo no prezo dos leites de calidade pero non vai a contribuír a banalizar o leite galego", defenden. 

A acollida da marca Deleite após o seu lanzamento, afirman, está a ser boa. "A xente recorda a calidade e o sabor da marca e identifica co que é: o leite dos gandeiros galegos; e co que quere ser: o leite de Galicia". 

Até o momento distribúen através de acordos comerciais asinados con "Vegalsa-Eroski (Familia, EroskiCity, EroskiCenter, CashRecord e Aliprox; todos os estabelecementos das cadeas Carrefour, Alcampo, El Corte Inglés e grupo Cuevas (Aquí, Aquí-e, etc)". "En datas próximas estaremos no comercio minorista tradicional e na hostelaría" para alén das demais distribuidoras nun futuro. 

A planta de envasado

O lugar de envasado de Leite Noso é a antiga planta de Pascual en Outeiro de Rei que noutrora acollera o proxecto Alimentos Lácteos, unha iniciativa posta en andamento co apoio da Xunta de Galiza após a chegada de Alberto Núñez Feijóo ao goberno en 2009 mais que fracasou deixando importantes débedas ás explotacións e o cadro de persoal. 

Envasan na antiga planta de Pascual en Outeiro de Rei que noutrora acolleu o falido proxecto de Alimentos Lácteos

Porén, nada ten a ver con Leite Noso. "Acadamos un acordo de fabricación, mediante un contrato de prestación de servizos de maquila, con Tegestacín actual titular da antiga planta de Pascual en Outeiro de Rei". A factoría "estaba en estado óptimo "de funcionamento xa que os actuais titulares da planta realizan traballos para outras industrias mediante contratos de prestación de servizos, termización, pasteurización e concentración de leite". Contan con "arredor de 40 traballadores directos" mais "non gardan relación laboral con Leite Noso, senón coa titular da planta que nos presta o servizo de maquila", explican. 

Aliás, a sociedade "non solicitou e, por tanto, non recibiu ningunha axuda ou subvención pública nin privada. Desenvolve a súa actividade co capital aportado, cos préstamos dos socios e con financiamento bancario, sen contar tampouco con ningún aval público", acrecentan. 

O proxecto enmárcase, sinalan, no "enorme esforzo de modernización que veñen acometendo dende os anos oitenta as explotación galegas de leite", mercando maquinaria, dereitos para producir, mellorando a superficie útil... que "fai que agora" estas explotacións "dean un paso máis: comercializar directamente o seu produto, sen esperar a que llo veñan mercar á casa. Ninguén pode tratar, coidar e vender o seu produto mellor que eles", subliñan. 

Desde Leite Noso aseguran que para afrontar a crise é preciso que todas as partes da cadea alimentaria e as administracións adopten  medidas urxentes

E nesas andan. Para comezar patrocinaron os chimpíns do Festival de Cans e tamén se sumaron a unha iniciativa solidaria impulsada por unha entidade financeira que levou a Leite Noso a doar centos de cartóns a distintos bancos de alimentos, unha medida coa que, din, puideron "cumprir co compromiso de solidarizade que os socios pretenden, facendo chegar aos que o máis o necesitan o leite que para nos ten un maior valor emocional, o 
primeiro que producimos". 

Malia todo recoñecen que a situación do sector o sitúa "nun dos peores momentos da súa historia". Neste senso, coidan que "non abonda con este tipo de proxectos. Todas as partes da cadea alimentaria e as administracións teñen que sentarse e adoptar medidas urxentes".