A lei xa permite o rexistro civil de bebés non nados co seu nome

A estatística apunta que un de cada catro embarazos acaba en aborto ou morte fetal. (Foto: Nós Diario)
Os bebés falecidos antes de nacer, con máis de seis meses de xestación, deberán ser inscritos no Rexistro Civil e poderán ter un nome, segundo recolle unha instrución da Dirección Xeral de Seguridade Xurídica e Fe Pública publicada a pasada terza feira no Boletín Oficial do Estado.

A medida non terá efectos xurídicos e será aplicábel tamén aos decesos ocorridos antes da entrada en vigor da norma esta cuarta feira, mais para a súa inclusión no 'Arquivo de nados sen vida tras os seis meses de xestación' cómpre a solicitude dos proxenitores no prazo de dous anos. "Hai moito tempo que as familias con fillas e fillos falecidos durante a xestación ou ás poucas horas de nacer demandan que sexan recoñecidos, que a súa existencia quede rexistrada e elas sexan vistas como pais e nais", asegura a Nós Diario Jesica Rodríguez Czaplicki, psicóloga sanitaria especializada en psicoloxía perinatal.

Esta mudanza, recoñece, contribúe á humanización da atención á morte e ao dó perinatal, un tabú social que "silencia, oculta e nega" unha realidade moi dolorosa para moitas familias, "xa que sabemos que un de cada catro embarazos culminará en aborto ou morte fetal".

Agora fálase de nado sen vida e non de feto, resto ou criatura abortiva, que son termos moi duros e irrespectuosos para as familias

A orde do 31 de xullo modifícase unha anterior de 1988 e actualiza a disposición adicional cuarta da Lei 20/2011 do Rexistro Civil que regula o suposto do falecemento ocorrido antes do nacemento e despois de 180 días de xestación.

Cambios na terminoloxía

"Introduce varias novidades, como a Declaración dos nados sen vida tras os seis meses de xestación, un novo modelo que engade a outros previos no cal se pode facer constar o nome do bebé falecido así como o nome e apelido dos dous proxenitores, non só o da nai", explica a psicóloga, quen salienta, sobre todo, un cambio importante na terminoloxía. "Agora fálase de nado sen vida e non de feto, resto ou criatura abortiva, que son termos moi duros e irrespectuosos para as familias".

 Este cambio, advirte a especialista en dó perinatal, supón un recoñecemento da existencia dos bebés, co seu nome, "tal e como a súa familia os ve, os sinte e os vive, e isto é determinante para pais e nais en dó".

Esta reforma chega após a de 2011. Ese ano aprobouse un cambio no Código Civil –que non entrou en vigor de forma íntegra até abril de 2021– para permitir a inscrición, con nome,  dun bebé nado sen vida de máis de seis meses de xestación e/ou máis de 500 gramos de peso no 'Cartapacio de abortos'; ao tempo que outorgaba o dereito a figurar no Libro de Familia aos bebés nados con vida e mortos antes de 24 horas.

"O noso ordenamento indica que 'a personalidade adquírese no momento do nacemento con vida, unha vez producido o enteiro desprendemento do seo materno', polo que algunhas  familias con bebés falecidos ao pouco de nacer poden inscribilos no Libro de Familia, cousa que non poden facer cos mortos antes de nacer, nin sequera tras esta modificación. Constarán no Rexistro Civil pero sen personalidade xurídica", aclara Rodríguez Czaplicki.

Saber acompañar na dor

Desde onte, o rexistro conta cun novo arquivo no que se conservarán debidamente numeradas e ordenadas as declaracións relativas aos falecementos ocorridos con posterioridade aos seis primeiros meses de xestación e antes do nacemento, asinadas pola persoa declarante máis por, polo menos, dous facultativos. Coa solicitude de calquera dos proxenitores expedirase unha certificación na que constarán todos os datos e o nome da filla ou do fillo non nado.

Séguense a empregar frases de ánimo que só engaden máis dor ás familias

Un paso adiante que a experta en psicoloxía perinatal pide acompañar dunha maior sensibilidade e apoio social. "Como sociedade aínda non estamos suficientemente preparados para acompañar ás familias en dó perinatal".

Chama a vencer o tabú. "Do que non se fala non existe, e a realidad confirma que si existe, e máis do que pensamos", por iso é importante saber recoñecer a dor das familias que perden un fillo ou unha filla antes de nacer e saber reaccionar ante ela. 

"En moitas ocasións séguense a empregar frases de ánimos como 'xa teras máis', 'mellor agora que despois', frases que engaden máis dor ás familias. Ás veces non fai falta dicir nada, só  estar ao carón. Unha aperta serea e tranquila vale máis que unha frase que non denote esa empatía que tanto precisan", conclúe Jesica Rodríguez Czaplicki.