Activistas denuncian que a Lei de 'só si é si' deixa as vítimas "claramente desprotexidas"

A ministra de Igualdade, Irene Montero, nun acto recente arredor da reforma lexislativa que impulsou Unidas Podemos. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
A asociación 'Si, Hai Saída' urxe "revisar e modificar" os aspectos que "non están a funcionar" da lei e lamenta a "falta de autocrítica".

A presidenta da asociación contra a violencia machista 'Si, Hai Saída', Marta Rodríguez Engroba, asegurou esta sexta feira que a Lei de 'só si é si' deixa as mulleres "claramente desprotexidas", polo que demandou a súa rectificación.

En declaracións aos medios, a responsábel deste colectivo cualificou de "imperdoábel" e "inxustificábel" que os efectos da lei, con reducións de condenas a agresores sexuais, leva as vítimas "a vivir no terror de novo".

"Estamos a asistir a un espectáculo lamentábel, dun tira e afrouxa entre políticos onde ás últimas que teñen en conta son as vítimas", censurou. "Non entendemos esa postura soberbia, prepotente, negada ao diálogo, sen que haxa autocrítica, esquecéndonos que falamos de mulleres que, de novo, terán que revivir a súa traxedia. Polo visto, non importa a revitimización", engadiu a activista.

Neste senso, cre que é necesario "revisar e modificar" os aspectos que "non están a funcionar" dunha lei da que tamén ve difícil aplicar o fondo do consentimento. "Non é tan fácil de demostrar. Non esquezamos que as relacións sexuais, agás contadísimas excepcións, prodúcense nun ámbito moi privado. Non é fácil demostrar que si é si, é moi complicado", alertou.

Desde 'Si, Hai Saída' expresaron a súa "preocupación" pola excarceración do coñecido como 'violador de Augas Férreas', un home condenado a seis anos e medio de cárcere por agredir sexualmente unha moza nun portal en Lugo e tentar repetir o crime con outra vítima que foi posto en liberdade após se revisar a súa condena, que pasou a catro anos, os que acaba de facer en prisión.

A delegada do Goberno español contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, responsabilizou desta e outras excarceracións aos maxistrados: "A responsabilidade desta revisión é do órgano xudicial que, podendo non revisar, porque concorren todas as agravantes que agora mesmo agravarían a pena, vai a mínimas cunha clara voluntariedade de choque desta lei co vello sistema", dixo a pasada terza feira.