ANÁLISE

A lei vasca de abusos policiais: unha oportunidade para avanzar

As vítimas de abusos policiais cometidos en Euskadi entre 1978 e 1999 poderán ser recoñecidas a través dunha lei que vén de aprobar o Parlamento Vasco e que modifica outra de 2016 que non puído aplicarse após recorrela o Goberno central do PP perante o Tribunal Constitucional. Analiza a normativa David Soto, profesor de Dereito procesual na UDC e membro da Xunta Directiva de Esculca. Eis un extracto da análise publicada no número 342 do semanario en papel Sermos Galiza.

O Estado de Dereito non o é tanto porque no seu seo non se produzan erros ou actuacións ilícitas, senón pola súa capacidade de identificalos, corrixilos e reparar, na medida do posíbel, as súas consecuencias, recolle a exposición de motivos da Lei vasca de recoñecemento de vítimas de violencia de motivación política.

 

José Emilio levaba unha semana de vacacións en Elorrio (Biscaia), a súa vila natal. Apenas un ano antes, con 15 anos, marchara a estudar á Universidade Laboral de Xixón. Aquela mañá de verán fora cun amigo a unha vila próxima pasar o día e para volver fixeran “auto-stop”, sendo recollidos polo pai dun amigo do adolescente. Xa perto de Elorrio, unha inesperada torboada de balas caeu sobre o coche no que viaxaban os tres ocupantes. José Emilio, de 16 anos, resultou morto. Eran anos duros no País Vasco, e aquela mesma tarde ETA disparara contra o cuartel da Garda Civil de Durango. A reacción dos axentes foi saír a polos autores.

 

As versións sobre o acontecido son contraditorias: os axentes afirmaron que o coche saltara un control. Tres testemuñas presenciais contradín esa versión. O certo é que as balas explosivas que recibiu o corpo do rapaz estaban prohibidas, pero alguén encargouse de impedir que se realizase a autopsia do cadáver. No xuízo, todos os gardas acusados resultaran absoltos. Tiveron que transcorrer 34 anos para que os familiares de José Emilio visen recoñecido o seu status de vítima, grazas a un Decreto do Goberno Vasco.

 

Lonxe de tratarse de casos illados, as mortes producidas a cidadáns alleos a bandas armadas en controis policiais só entre 1970 e 1982 ascenden a 19. As persoas gravemente feridas cóntanse por ducias. Para facer efectiva a tríada de verdade, recoñecemento e xustiza destas e outras vítimas esquecidas, as institucións vascas ditaran en 2012 un Decreto que abrangue o período de 1960-1978. E a pesar do tempo transcorrido, lograron recoñecer 34 vítimas. A pasada semana, o Parlamento Vasco aprobou, cos votos a favor de PNV e PSE, unha nova Lei que abrangue un período histórico máis amplo: entre 1978 e 1999.

 

Reaccións

 

As reaccións non se fixeron esperar: un voceiro da Unión de Guardias Civiles afirmou que con esa lei téntase equiparar os dereitos das vítimas de ETA aos “dunhas vítimas das que non se sabía nada e que están comezando a xurdir”. Nada máis lonxe da realidade: para os mesmos conceptos, as compensacións económicas da lei vasca son moito máis humildes que as da moi loábel lei estatal. Para alén, cómpre desterrar unha idea: como a propia lei admite, non se trata de equiparar actos violentos, nin moito menos de xustificalos. Trátase de reparar, na medida do posíbel, todas as vulneracións de dereitos humanos producidas no pasado recente.

 

Outra das críticas en que coinciden Jusapol, SUP, Covite e o PP é que a nova lei usurpa un labor, o de establecer feitos probados con relevancia penal, que corresponde aos tribunais. Unha crítica que parece esquecer o cometido que a constitución garda para os tribunais de xustiza: “xulgar e executar o xulgado”; sendo que a Comisión de Valoración que crea a Lei vasca nin xulgará nin executará o xulgado, tan só outorgará o recoñecemento de vítima a quen o poda acreditar, un labor de natureza plenamente administrativa e non xudicial.

 

[Podes ler a análise íntegra no número 342 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]