PAULO CARRIL / SECRETARIO DE ORGANIZACIóN DA CIG

"A Lei de Seguridade Cidadá é fascista"

Paulo Carril

O dirixente da central nacionalista denuncia o "Estado policial" que cre que busca impoñer o PP cunha lexislación que a Alianza Social Galega chama a combater nas manifestacións deste domingo.

 
 
 
 

 

A Alianza Social Galega ten convocadas manifestacións en todas as cidades galegas este domingo día 23 de novembro, contra a nova Lei de Seguridade Cidadá. Unha das organizacións que participará será a CIG, que da man do seu secretario de Organización, Paulo Carril, denuncia o que consideran unha lei “golpista”.

-Estamos ante unha Lei represiva?
Si, o obxectivo que ten é do de frear a mobilización social. Responde a unha obsesión españolista como é a violación dos dereitos democráticos de movementos ou sindicatos para defender os intereses de clase do PP, que precisamente ao tempo que endurece esta lexislación amósase permisivo cos delitos económicos do capital. Estamos ante un auténtico golpe de Estado.

-O sindicalismo está a ser perseguido?
O PP apostou por modelo represivo, onde se atacan dereitos democráticos, entre eles o de folga. Esta Lei está pensada en términos policiais e fascistas, que converte en delito case calquera acto até de agora habitual, para que toda protesta sexa considerada un desorde público e así reducir o máis posíbel a mobilización dos sectores populares que están a pagar a crise.

-Temen que por exemplo, se acabe limitando o dereito a folga?
Con medidas como esta Lei ou a reforma do Código Penal xa o están facendo, malia que non sexa mediante unha lei concreta sobre as folgas. Van sancionarse peches, escrachos, manifestarse con roupa de traballo ou facelo diante do centro; e unha perversión escandalosa. Porque ademais utilizan sancións administrativas arbitrarias e sen dereito a defensa; primeiro hai que pagar a multa e só despois podes recorrer.

-Os concellos tamén colaboran con estas prácticas de criminalización da protesta?
Esa vai ser unha cuestión moi importante, xa que terán que crear ordenanzas, xa que a Lei convérteos en actores necesarios de cara á súa aplicación. Outro paso máis nesta carreira cara un Estado policial.