En catro anosde aplicación

A 'Lei Mordaza' na Galiza: 50.500 sancións e case 30 millóns de euros en multas

Só por “faltas de respecto e de consideración ás forzas de seguridade” impuxéronse entre 2015 e 2018 un total de 4.250 multas na Galiza, que sumaron un importe de perto dun millón de euros.

Desde a entrada en vigor da coñecida como ‘Lei Mordaza’ até finais do ano pasado impuxéronse na Galiza ao abeiro desa Lei Orgánica 4/2015 un total de 50.498 sancións, que supuxeron unha recadación de perto de 30 millóns de euros. En concreto, 29.583.364 euros

Tres dos artigos máis ‘polémicos’ desa norma - e que foron e son sinalados desde diferentes plataformas e organismos de defensa da liberdade de información e dereitos sociais - como nomeadamente coercitivos, tamén supuxeron multas no noso país.

Por “faltas de respecto e consideración a membros das forzas de seguridade do Estado" houbo 4.250 sancións e case 950.000 euros recadados en multas

Así, en base ao artigo 36.06 ("Desobediencia ou resistencia á autoridade ou aos seus axentes”) fixáronse 2.966 sancións nestes tres anos, sumando un importe de 1.932.279 euros. Só no último ano, 2018, impuxéronse por ese motivo 992 multas, que supuxeron recadar 640.000 euros.

En relación ao artigo 36.23 da Lei Orgánica 4/2015 (“Uso inadecuado de fotografías e datos persoais de policías”), aquí o número de sancións foi sensibelmente inferior (6), como inferior é tamén o total das multas, 2.400 euros.

Un terceiro artigo é o 37.4 (“Faltas de respecto e consideración a membros das forzas de seguridade do Estado”), que implicou 4.250 sancións e case 950.000 euros recadados en multas.

Na Galiza rexístrase unha media diaria de 40 sancións

En aumento

Só no que respecta ao exercicio 2018, e segundo os propios dados do Ministerio de Interior, as sancións establecidas foron 15.998, sendo a cantía recadada de case 10.900.000 euros.

A nivel do conxunto do Estado español, desde mediados de 2015 -coa aprobación da lei- e finais de 2018 fixáronse 765.416 sancións, que  supuxeron unha recadación de máis de 416 millóns de euros.