A "Lei mordaza" fai 5 anos máis viva que nunca e sen perspectivas de ser derrogada

Unha 'perfomance' de Esculca en Compostela contra a Lei Mordaza (Foto: Europa Press)
Interior emprega a norma para impor 1,1 millóns de multas durante o estado de alarma.

A Lei de Protección da Seguridade Cidadá, popularmente coñecida como a "Lei mordaza", cumpre cinco anos. Aprobada en xuño de 2015 pola maioría absoluta do Partido Popular e coa oposición da esquerda parlamentaria, a súa derrogación fixo parte durante tempo das prioridades políticas das forzas enfrontadas á dereita. Tanto é así que, após a súa aprobación, estas formacións, co PSOE á cabeza, presentaron un recurso diante do Tribunal Constitucional para esixir a súa anulación. Un recurso non resolto aínda a día de hoxe.

Á volta de 2018, no pleno do Congreso onde se aprobou a moción de censura que desaloxa do Goberno Mariano Raxoi, Pedro Sánchez defendeu unha "urxente" reforma da mesma, mais eses plans semellan ter ficado nun segundo plano.

Os números da "Lei mordaza" falan por si mesmos. Segundo os propios datos achegados polo Ministerio de Interior, entre 2015 e 2018 son impostas conforme a esta lexislación 766.416 sancións, das cales 87.872 rexístranse en 2015, 197.974 rexístranse en 2016, 229.932 rexístranse en 2017 e 249.665 rexístranse en 2018. Ao tempo, significa unha importante vía de recadación para as arcas públicas que oscila de 41,57 millóns de euros de 2015 até 149 millóns de euros de 2018.

As sancións disparáronse durante o período de vixencia do estado de alarma, até o punto de imporse durante 75 días de confinamento 1.089.917 de multas, o que significa un incremento de 42% a respecto das multas impostas nos tres primeiros anos de aplicación da norma. 

O elevado número de denuncias provocou numerosas queixas das forzas políticas e de diversos colectivos sociais, como a sección española de Amnistía Internacional, que presentou onte no Congreso dos Deputados 142.000 sinaturas para solicitar a súa derrogación.

Así, desde esta entidade denúnciase que "no último quinquenio tense producido un retroceso no ámbito das liberdades democráticas no Estado español, e en concreto no ámbito dos dereitos sociais, civís e políticos".

Por outra banda, desde o Movemento dos Dereitos Civís denuncian "os abusos de todo tipo" cometidos polos axentes policiais durante a crise sanitaria malia que desde as Nacións Unidas teñen feito un chamado aos Estados a favor dunha resposta "proporcionada e non excluínte".