“A lei de montes do PP desordena o espazo rural e favorece a propagación dos grandes incendios”

A Asociación de Montes de Galiza reitera que un monte ordenado, ben xestionado e multifuncional “é a mellor garantía” contra os lumes forestais. 

A Asociación de Montes de Galiza, integrada na Fruga –Federación Rural Galega- afirma que a lei de montes aprobada polo goberno galego do PP en 2012 é unha lei que favorece a propagación dos grandes incendios.  Unha afirmación que expón nun comunicado a raíz dos recente incendio de Portugal. Para Montegal, esa lei rebaixa as medidas preventivas (distancias), contribúe a desordenar o espazo rural e induce ao monocultivo, opcións, todas elas, que favorecen a propagación dos grandes incendios.

 

“Condicións semellantes, ligadas ao cambio climático e ao abandono do mundo rural, que tamén se dan na Galiza, foran as que, segundo a maioría das opinións, deran lugar ao grande desastre ocorrido recentemente en Portugal. Un monte ordenado, ben xestionado e multifuncional é a mellor garantía para evitar que ocorran incendios de grandes dimensións”.