A Lei de familias crea novos permisos por coidados

Estenderase a renda de crianza de 100 euros ao mes para un maior número de familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos. (Foto: Ricardo Rubio Europa Press)
Matrimonio e parellas de feito igualan dereitos.

O Consello de Ministras e Ministros aprobará esta terza feira, previsibelmente, a Lei de familias, que equipara os dereitos das parellas de feito aos matrimonios, inclúe un permiso retribuído de cinco días ao ano por coidado dun familiar ou convivente e estende os beneficios de familias numerosas a monoparentais con dous fillos ou fillas. O texto aprobarase esta terza feira sen cambios substanciais. 

O anteproxecto de Lei de familias foi aprobado en primeira lectura o pasado mes de decembro, a proposta de Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Após a súa aprobación en segunda volta, remitirase ao Congreso dos Deputados e das Deputadas onde se solicitará a súa tramitación pola vía de urxencia. 

O texto artéllase arredor de catro piares principais: a "ampliación da protección social" ás familias e o "apoio á crianza"; "avanzar" na garantía do dereito á conciliación; o "pleno recoñecemento" dos distintos tipos de familias que xa existen no Estado español, e o "recoñecemento e protección" dos dereitos de crianzas e adolescentes.

Así, estenderase a renda de crianza de 100 euros ao mes para un maior número de familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos. Da mesma maneira, créase a denominación de 'Familias con maiores necesidades de apoio á crianza' na que se inclúen as "familias numerosas", ademais de, entre outras, as monomarentais con dous fillos ou fillas. 

Por outro lado, pasarán a considerarse familia con maiores necesidades de apoio á crianza "de categoría especial" as familias que até agora eran consideradas numerosas de categoría xeral como aquelas con catro fillos ou fillas, en vez de cinco como até o momento. 

Permisos de coidados

Respecto á garantía do dereito á conciliación, a Lei crea tres permisos de coidados: cinco días para atender a un familiar de até segundo grao ou convivente en caso de accidente ou enfermidade grave; oito semanas para pais e nais até que a crianza teña oito anos; e catro días por ausencia para atender familiares que requiran atención inmediata. 

Sobre o recoñecemento dos distintos tipos de familia, a Lei avanza na equiparación de dereitos entre matrimonios e parellas de feito, posto que estas últimas terán acceso aos 15 días de permiso por rexistro equiparábeis ao matrimonio.