CIG critica unha Lei Demográfica que pon nas mulleres a “responsabilidade” de frear o declive poboacional

Antonio Mera, Susana Méndez e Miguel Malvido (CIG)

O sindicato reclama unha modificación “profunda” da Lei de Impulso Demográfico promovida polo PP

A CIG demandou esta mañá, en rolda de prensa, un cambio profundo na Lei de Impulso Demográfico promovida polo PP. Entende que a demografía non se impulsa só con axudas á natalidade, senón cunha regulación do mercado de traballo galego que garanta salarios dignos, empregos estábeis e compatíbeis co coidado das persoas.

A central sindical xa presentara alegacións a esta Lei no Consello Económico e Social (CES), da que considera que non recolle medidas concretas nin incide nas causas que provocan o declive demográfico “como o desemprego, a precariedade, o desmantelamento industrial ou o despoboamento do rural, entre outras”.

Antonio Mera, secretario de Políticas Sociais da CIG, denunciou que o proxecto de lei a debate no Parlamento non incide en atacar os factores que causan a perda demográfica. O secretario de Política Institucional e representante da CIG no CES, Miguel Malvido, subliñou que desde 2008 a poboación entre 29 e 39 anos decreceu 4 veces máis que no conxunto do Estado; que perdemos 196.000 persoas activas menores de 40 anos que representan hoxe o 35% do total de poboación activa, cando antes representaban o 50%.

Xunto a isto salientou que nesta década perdemos máis de 148.000 persoas asalariadas entre os 18 e os 35 anos.

A responsabilidade nas mulleres

Pola súa banda, a secretaria de Organización, Susana Méndez, denunciou que o proxecto de lei “deposita nas mulleres a responsabilidade de frear o declive demográfico”, relegando ás mulleres ao papel de nais e coidadoras e  entendendo a conciliación só para que estas “poidan exercer os coidados” sen fomentar en ningún momento a corresponsabilidade.

Denunciou, ademais que as axudas que se recollen no anteproxecto para o acceso á educación infantil de 0 a 3 anos “son a demostración evidente do desleixo deste goberno, que subvenciona prazas en escolas infantís privadas e non ten como prioridade a creación de novas escolas infantís públicas”.

Méndez cuestionou ademais que diante do despoboamento do rural non haxa un só artigo no que se garanta que os servizos básicos se presten no rural. De feito sinalou que si se fala de “accesibilidade aos servizos básicos” pero en referencia a transporte e infraestruturas para desprazarse ata os que están nas cidades”.

”.