1.056 camas hospitalarias menos desde a chegada de Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta

O legado sanitario de Feixoo en 8 datos

50% dos facultativos teñen máis de 1.400 tarxetas de pacientes. (Foto: Europa Press).

A sanidade é unha das principais preocupacións para a cidadanía galega. Neste sentido, téñense manifestado sondaxes elaboradas por empresas privadas ou promovidas polos organismos públicos. Sen ir máis, lonxe o último estudo do CIS sinala que é a primeira preocupación para 21% dos galegos.

1.— 1.056 son as camas hospitalarias que hai de menos na Galiza respecto ao ano 2009, cando Alberto Núñez Feixoo chegou á Presidencia da Xunta. Segundo os datos fornecidos polo Instituto Galego de Estatística (IGE), a decembro de 2008 os hospitais galegos tiñan en funcionamento 7.453 camas, sendo 6.397 a finais de 2020. Así, nese período o Goberno galego reduciu o número de camas na Atención Especializada en 15,1%, rexistrándose 3,08 camas por cada 1.000 habitantes, unha porcentaxe moi inferior á recomendada pola Organización Mundial da Saúde, que estabelece un mínimo de entre 8 e 10 camas por cada 1.000 habitantes.

2.— 1 .000 prazas de persoal sanitario están sen cubrir na Atención Primaria, a cal enfronta a xubilación de 30% dos seus facultativos nun prazo de catro anos. Neste sentido, o propio Servizo Galego de Saúde (Sergas) recoñece ter suprimidas 130 prazas de persoal médico nos centros de saúde galegos desde 2009, o que provoca que 50% dos facultativos teñen máis de 1.400 tarxetas de usuarios. Na mesma dirección, a Galiza sitúase á cola do Estado en dotacións de enfermaría, cunha ratio de 0,68 profesionais por cada 1.000 habitantes.

3.— 192 concellos galegos carecen de servizo de pediatría, reducíndose o número de profesionais desta especialidade en 25% desde a chegada ao Goberno galego de Núñez Feixoo. Ao tempo, asístese a un progresivo envellecemento do cadro de persoal de pediatría, con 40% dos profesionais superando 55 anos e 25% por riba de 60 anos, chegando o Sergas a postergar en 2020 a xubilación a 20 pediatras de Atención Primaria por falla de persoas para cubrir as súas prazas.

Listas de agarda

4.— 138.639 galegos e galegas agardan por unha consulta hospitalaria. Os tempos de espera para unha proba diagnóstica téñense incrementado de forma moi importante nestes 13 últimos anos, situándose o período medio de agarda para unha endoscopia en 156 días, para unha tomografía axial computerizada (TAC) en 101 días e para unha resonancia magnética en 100 días.

5.— 8 días é o tempo medio de agarda para unha cita na Atención Primaria. A decisión do Goberno galego de limitar a atención presencial nos centros de saúde está provocando listas de espera nunha esfera sanitaria onde estas non existían. Ao tempo, boa parte das consultas desenvólvense por vía telefónica, malia os riscos desta operativa para realizar determinados diagnósticos, tal é como teñen denunciado de modo reiterado os facultativos de Primaria.

6.— 1 ano é o tempo aproximado de espera para conseguir a primeira cita nas especialidades de Saúde Mental. A este respecto, o Movemento Galego da Saúde Mental advirte que a Galiza está á cola do Estado en número de psicólogos clínicos, con 3,5 profesionais por cada 100.000 habitantes, fronte a 5,7 por 100.000 da media estatal e moi lonxe de 18 por 100.000 da Unión Europea. Na mesma liña alerta dun déficit “de 32% de psiquiatras, de 49% en psicoloxía clínica e enfermaría, de 68% en terapia ocupacional e de 73,2% en traballo social”.

Recortes orzamentarios

7.— 74,8 millóns de euros é o investimentos que ten de menos a Atención Primaria se comparamos o orzamento actual con 2009. Mentres nas contas de 2022 a Xunta da Galiza consignaba 1.389 millóns de euros para a Primaria, en 2009 esa cifra era de1.436 millóns, que coa suba do Índice de Prezos do Consumo (IPC) equivalerían hoxe a 1.619 millóns. Segundo os dados fornecidos polo Ministerio de Sanidade para o ano 2018, último exercicio con cifras, a Galiza destina a Atención Primaria 182,3 euros por habitante, situándose só por diante de Madrid e as Illes Balears.

8.— 36.100 persoas residentes na Galiza non puideron mercar en 2020 os medicamentos receitados polos seus médicos por carecer de medios económicos para facer fronte á súa contía. Os datos da Enquisa Europea de Saúde de 2020, ofrecidos polo Instituto Nacional de Estatística, significan que a porcentaxe de galegos e galegas carentes de recursos para comprar as medicinas prescritas representou 8,55% do total estatal, sendo este un dos territorio do Estado onde máis impacto negativo xerou a introdución do copagamento farmacéutico.